Luís Bará denuncia que algúns dos estudos foron externalizados, “o que podería ser ilegal ou motivo de nulidade de todo o procedemento realizado”
Santiago de Compostela, 27 de marzo, 2025. O BNG acudirá á Xustiza se o Goberno de Rueda non fai públicos todos os informes técnicos sobre a macrocelulosa de Altri que mantén ocultos, como o expediente completo da Declaración de Impacto Ambiental, os que analizan a afección no hábitat ou en especies protexidas, ou os acordos asinados entre a Sociedade Impulsa e a empresa portuguesa Así o avanzou o viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará, que salientou que a propia Xunta recoñeceu que hai 36 informes técnicos, asinados por 42 técnicos da Administración galega e “que a sociedade galega está desexando coñecer”.
A formación nacionalista xa solicitou en reiteradas ocasións toda a documentación relativa a Altri a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, sen até o momento obter unha resposta satisfactoria da Xunta. “Xa está ben de vulnerar os dereitos dos deputados e de utilizar de maneira antidemocrática esta Cámara, como se fose a leira particular do PP”, denunciou Bará, que precisou que o Bloque esgotará todas a vías parlamentarias na procura dunha información que teñen dereito a coñecer todos os galegos e galegas.
A ocultación continua de información forma parte dun proceso administrativo “cheo de irregularidades” que, segundo anticipou, rematará tamén nos xulgados por outras vías, pois son xa varios os colectivos que avanzaron que acudirán á Xustiza. Ademais de cambios nas leis “a medida” e nomeamentos de altos cargos “quitando persoas que puidesen ser incómodas para poñer no seu sitio a outras disciplinadas ou obedientes”, Bará denunciou a externalización dunha parte dos informes que se están ocultando, “o que podería ser ilegal ou motivo de nulidade de todo o procedemento realizado”.
Entre a documentación que o Goberno de Rueda se nega a dar a coñecer ao completo, o deputado nacionalista subliñou o acordo secreto que a propia Altri recoñeceu, en outubro de 2021, ter asinado coa Sociedade Impulsa na que a Xunta ten maioría nos órganos de decisión e da cal é presidenta a propia conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana. Outros dous conselleiros forman parte do consello de administración da Sociedade Impulsa, que cando menos durante un tempo tivo oficinas no edificio do Igape, lembrou Bará para rexeitar os argumentos da Xunta de que esta sociedade, ao contrario do que di o Consello de Contas, non forma parte do sector público como organismo que se ten que someter a procedementos de control.
Bará fixo tamén referencia á documentación sobre os cambios feitos na Estratexia de Infraestrutura Verde da Xunta para reducir a protección ambiental dos terreos onde Altri pretende implantar a macrocelulosa, e ao expediente completo da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). “Do pouco que se coñece parece un documento bastante sospeitoso porque dá por bos todos os informes proporcionados por Altri e porque está asinada só polo subdirector e a directora de Calidade Ambiental, que son cargos de confianza nomeados polo PP”, manifestou.
Aínda queda un longo percorrido
O deputado nacionalista subliñou, por outra banda, que á macrocelulosa de Altri “aínda lle queda un longo percorrido administrativo” na propia Xunta que, entre outras cuestións, aínda debe pronunciarse sobre a concesión de augas á pasteira, “un elemento absolutamente esencial para que o proxecto saia adiante”.
Explicou, ao respecto, que Augas de Galiza terá que ditaminar atendendo ao Plan Hidrolóxico, que establece unha xerarquía e unha preferencia de usos da auga na que, o relacionado coas actividades extractivas —o caso de Altri— ocupa o sexto lugar, por detrás do abastecemento humano ou os relacionados coa transición xusta. “Por non falar, engadiu, da colisión entre o pretendido abastecemento de 46 millóns de litros de auga ao día ou o vertido de 30 millóns de litros co uso que está facendo Naturgy do encoro de Portodemouros”, engadiu.
Para que prospere a bomba ambiental que a pasteira portuguesa e a Xunta queren implantar en Palas de Rei falta así mesmo a autorización ambiental integrada ou o informe do organismo da Xunta para a ordenación do territorio.



















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



