O Pleno deste martes aprobou unha moción socialista para instar á multinacional a dotar á factoría desta infraestrutura necesaria para a fabricación de aluminio e a reclamar ás diferentes Administracións que a financien con diñeiro público
Lugo, 29 de abril de 2025. A Deputación de Lugo esixiralle á firma Alcoa que constrúa o forno de cocción de ánodos, necesario para a fabricación de aluminio, e comprometido cos traballadores para garantir a viabilidade da planta de San Cibrao. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de abril celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha moción do PSdeG que foi aprobada por unanimidade.
“Estamos preocupados porque cumpran con ese acordo que Alcoa firmou cos traballadores e que auspiciou o Goberno de España para o rearranque de todas as cubas”, valorou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, antes de entrar á sesión plenaria. Subliñou que para os socialistas “a reindustrialización da provincia é un tema moi importante, respectando sempre o medio ambiente” e incidiu en que “hoxe non vale calquera cousa. Industria si, pero cumprindo coa normativa ambiental”.
Explicou a Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que na Mariña fan falta 132.000 ánodos ao ano, uns eléctrodos que agora mesmo a firma está importando desde China tras a demolición do forno vello. “Na situación actual de inestabilidade económica internacional xerada pola guerra de aranceis posta en marcha pola administración norteamericana, planificar a produción coa necesidade de asumir a importación do 100% dos ánodos supón un risco difícil de asumir e xera unha vulnerabilidade que suma novas incertezas nos traballadores”, valorou.
García Porto lembrou que o forno de cocción de ánodos “era un dos puntos de mellora fundamental recollidos no acordo de febreiro de 2023”. Tamén que Alcoa “xustificou” a paralización das obras, dunha duración estimada de 22 meses, no difícil contexto económico previsto para o ano 2024, pero que fronte ás perdas de 625M€ rexistradas en 2023, a compañía entrou en beneficios netos de 57M€ no 2024 e duns 500M€ no primeiro trimestre do 2025.
Contar cun forno propio de cocción de ánodos resulta, en palabras da Deputada, “imprescindible” para a actividade e a viabilidade da compañía. “Cumpre lembrar que o vello forno foi demolido co compromiso de construír un novo, por iso a paralización das obras foi cualificada polos traballadores dun intento encuberto de levar a cabo un peche patronal ou de querer financiar a produción da planta cos fondos recollidos no acordo de viabilidade como investimentos de mellora”, argumentou Pilar García Porto.
Sinalou que os socialistas “defendemos desde o primeiro momento a continuidade da actividade en San Cibrao, respaldando as reclamacións dos traballadores”. Nese sentido, o texto da moción do PSdeG recolle que Alcoa cumpra co acordo de viabilidade firmado en febreiro de 2023; que as administracións convoquen a mesa de seguimento do devandito acordo; que se facilite mediante financiamento público, de forma inmediata, o investimento na obra do forno de cocción de ánodos; e que a SEPI e o IGAPE se fagan cargo da factoría de San Cibrao se a empresa non cumpre cos termos recollidos no acordo de viabilidade.
Política arancelaria dos EEUU
O Pleno sacou tamén adiante unha moción do PSdeG para pedirlle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de medidas de apoio para os sectores máis afectados pola política arancelaria de Estados Unidos que inclúa a mobilización de fondos e a apertura de novos mercados. O texto saíu adiante cos votos a favor dos socialistas e do BNG e os votos negativos do PP. Tomé Roca explicou antes do Pleno que “diante dunha situación para algúns sectores galegos que van ter dificultades, a Xunta non moveu ficha”, que o Estado puxo xa financiamento encima da mesa e que outros gobernos autonómicos tamén están actuando.
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu durante a sesión e no mesmo sentido que o Presidente, que esta iniciativa axudaría a paliar os efectos dos sectores que se están a ver afectados, como o vinícola, agrogandeiro e industrial. Neste sentido Pleno deu luz verde a un texto que reclama á Xunta de Galicia que deseñe un plan de medidas de apoio para os sectores afectados pola política de aranceis de Estados Unidos; un plan que harmonice as súas medidas coas xa aprobadas polo Goberno do Estado e que inclúa: a mobilización de fondos, axudas non reembolsables para as empresas máis afectadas, un plan específico de apertura de novos mercados; e ademais que a Xunta acepte as ofertas de colaboración feitas polos partidos da oposición para colaborar no deseño do devandito plan.