Cervo, 29 de abril, 2025. As asociacións Fol do Raxal e Fervenza de Sargadelos, xunto con Marmeladas A Morena prometen unha nova edición do evento repleta de música tradicional ao vivo, natureza, historia e artesanía. O evento, que se realizará o 3 de maio na Praza do Souto de Cervo, é unha celebración da cultura popular. Así, cómpre destacar que o deseño do cartaz deste ano está adicado ás transmisoras da nosa tradición oral, a quen se lle adican as Letras Galegas este 2025, e é obra do artista Diego Cereijo.
Este ano, como novidade, Guido Guía fará un paseo guiado pola contorna de Cervo con saída ás 11h desde a Praza do Souto. Poderase contemplar edificios como a Fábrica de Sargadelos ou o Conxunto histórico-artístico, así como desfrutar das paisaxes á volta do Río Xunco.
Durante todo o día, máis dunha ducia de grupos animarán os bares e as rúas de Cervo. Como xa é tradición, ao mediodía farase o pasabares pola Taberna de Sargadelos, a Pousada o Almacén e o Caseto de Copa; ás 14h dará comezo a sesión vermú coa Requinta de Lampai e o serán ás 18h 30. Á noite Ailá presentará Tradimensional, o seu último traballo.
Tamén, están programados varios obradoiros: enredos musicais con Oli Xiráldez, baile tradicional con Marcos Botana e formas e xeitos de tocar o pandeiro e a pandeireta con Noemi Basanta.
Ademais, haberá feira de artesanía, que será un aliciente máis para desfrutar da xornada e de promocionar o consumo de produtos de proximidade. Tampouco faltarán os xogos tradicionais pola tarde e a queimada ao rematar o concerto.
A Organización espera que esta edición sexa un éxito e que as persoas visitantes poidan desfrutar ao máximo da nosa riqueza cultural e artística.