A Xunta tamén expón unha reformulación do Fempa, no senso de que se reasignen os fondos para mellorar as infraestruturas portuarias autonómicas e se habiliten máis axudas ao marisqueo a pé afectado polos paróns temporais
Madrid, 29 de abril de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) para que esta se adapte ás necesidades da cadea mar-industria galega. Esta reforma debe incluír unha rexionalización da normativa europea e, por tanto, ter en conta as propostas e participación proactiva das autoridades rexionais na futura toma de decisións que se leven a cabo en Bruxelas neste senso.
Así o expuxo este martes na reunión mantida ao máis alto nivel polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, os responsables das comunidades autónomas do ramo, e as entidades representantes do sector pesqueiro, acuícola e das mulleres.
Deste xeito, o Goberno galego, a través do conselleiro Villares, aproveitou a primeira visita que o chipriota realiza a España dende a súa designación como comisario europeo de Pesca dentro do Executivo comunitario, para facer valer o que é unhas das reivindicacións máis destacadas da frota galega: un cambio normativo para que a PPC sexa máis social e máis adaptada a desafíos como o clima e o relevo xeracional. Cabe destacar que a española é a primeira pesqueira da Unión con 8.432 barcos, dos que 4.153 son galegos, aos que hai que engadir os 1.283 auxiliares de acuicultura.
Este encontro enmárcase na consulta pública que Europa abriu sobre a normativa europea. De feito, a previsión anunciada é que a finais do verán o Executivo comunitario presentará un informe, deixando os posibles cambios lexislativos para 2026. En definitiva, o que se propuxo dende Galicia é unha descentralización da norma europea que permita unha xestión pesqueira eficaz e que implique unha reformulación da cooperación entre as partes interesadas e a garantía dunha participación proactiva das autoridades na toma de decisións, xunto ás institucións comunitarias, comunidade científica, representantes do sector e as ONGs.