O pleno provincial aprobou a iniciativa do BNG unha proposta de apoio á manifestación pola lingua de Queremos Galego o vindeiro 17 de maio
Lugo, 29 de abril de 2025. O grupo provincial do BNG denunciou “unha estafa en toda regra” da Xunta de Galicia en relación coa redución das ratios das aulas, tras coñecerse unha instrución da Consellería de Educación para eludir o compromiso que o propio goberno do Partido Popular anunciou hai ano e medio como “histórico” para reducir o número de alumnas e alumnos por clase a 20 alumnxs, comezando por infantil.
A circular emitida este mes de abril, e denunciada pola CIG, sindicato maioritario na educación, enterra definitivamente o anuncio de melloras nas condicións laborais e na calidade do sistema educativo en relación coas ratios e ao burocracia ao permitir acadar ratios de 25 estudantes nas aulas de 6 de Educación Infantil – nas que según o calendario establecido pola Xunta se debería estar aplicando a redución a 20 estudantes – e en Primaria.
“En resumidas contas e seguindo as instrucións que ven de facer públicas a consellería de Educación recentemente que permite acadar ratios de 25 alumnos nas aulas de 6º de Infantil e de Educación Primaria, as ratios son as que lle dea a gana á Xunta de Galicia”, denunciou Daniel García, quen enumerou tamén diferentes incumprimentos relacionados coa redución de burocracia e condicións laborais do profesorado.
“Se estivesemos diante dunha medida seria e rigorosa en materia educativa, a obriga da administración competente sería ben nítida: dispoñer dos recursos de dotación de prazas escolares para poder facer realidade a redución de alumnado por aula”, sinalou o deputado, que lembrou outras medidas en contra da educación pública por parte do Partido Popular na Xunta, como “as portas abertas que tenderon á universidade privada antes de rematar o anterior mandato na Xunta” ou o intento de “decapitar o ano pasado o Campus Terra da USC en Lugo, usando igualmente os ratios como arma”.
O debate deuse durante o debate dunha moción presentada polo BNG para pedir á Consellería de Educación que “reduza o calendario de aplicación da redución de ratios e facelo xa en todas as ensinanzas, fixando para as novas ratios con carácter legal a mesma validez que as ratios actualmente vixentes”.
A moción, aprobada cos votos de nacionalista e socialistas, malia a oposición do PP, tamén insta á Conselleria a recuperar o horario lectivo de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria e reducir de forma efectiva e inmediata a burocracia que soporta o profesorado.
Apoio á manifestación pola lingua de Queremos Galego
O pleno tamén aprobou, a iniciativa do BNG e cos votos do goberno provincial, unha proposta de apoio á mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego para o vindeiro día 17 de maio de 2025 en Santiago de Compostela baixo o chamamento “¡Lingua viva xa! Paremos a emerxencia lingüística!”.
Na defensa da proposta, a deputada Iria Castro defendeu o dereito a falar e coñecer o galego e reivindicou o potencial das industriais culturais que medran arredor do galego como a do libro, a musical ou a audiovisual.
A proposta tamén amosa o respaldo do goberno provincial ao “Proceso Lingua Vital”, impulsado pola Plataforma Queremos Galego, que pretende avaliar o cumprimento dos acordos nacionais xa tomados sobre a lingua galega e os obstáculos que impediron aplicar ditas medidas, tanto do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, como da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas”.