O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se prevé un investimento de arredor de 25.000 euros para ampliar a oferta de ocio e sacar maior partido a estas instalacións
Lugo, 13 de maio de 2025. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acondicionará dúas pistas de pickleball no Espazo Xove de Viveiro, o que permitirá ampliar a oferta do centro e sacar maior partido da súa zona deportiva.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que se prevé un investimento aproximado de 25.000 euros para habilitar dúas canchas que cumpran as medidas regulamentarias deste deporte de raqueta.
O pickleball é unha disciplina en auxe que combina elementos do tenis, pádel, bádminton ou tenis de mesa, apropiado para persoas de todas as idades. Xógase en pistas similares ás de bádminton pero cunha rede máis baixa, que teñen algo máis de 13 metros de lonxitude e unha anchura necesaria de 6,10 metros para os partidos de dobres e 3,05 metros para os individuais. Utilízanse pelotas perforadas e raquetas sólidas e lixeiras.
Arias explicou que se considera unha modalidade apropiada para ese espazo, condicionado pola súa localización entre o antigo convento de San Francisco e un bloque de pisos; por un lado, deben evitarse afeccións visuais ao monumento e, por outro, molestias aos veciños e veciñas.
O obxectivo é acometer as obras necesarias nos próximos meses e, unha vez rematadas, invitar aos escolares dos centros educativos do municipio para que se inicien nesta disciplina.