Antonio Ameijide explica que nos últimos días se resolveron dúas reclamacións máis, polo que nos primeiros cinco meses do ano xa son 30 os expedientes tramitados, derivados “dos accidentes producidos nas estradas provincias tras 18 anos de abandono por parte se PSOE e BNG nas estradas provinciais”
Lugo, 30 de maio de 2025. Nos primeiros cinco meses do ano xa se resolveron, polo menos, 30 expedientes de reclamación de responsabilidade patrimonial derivados de accidentes producidos na rede de estradas provincial, “como consecuencia do nefasto estado de conservación das carreteras da Deputación tras 18 anos de abandono por parte de PSOE e BNG”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que estas reclamacións van dende danos nas rodas ata desperfectos nos baixos dos vehículos por mor das “fochancas de grandes dimensións” existentes en toda a rede viaria provincial.
Antonio Ameiijde afirma que “todas estas reclamacións seguen a darnos a razón e a amosar como PSOE e BNG se afanan en mentir ao negar esta realidade, que a rede viaria provincial é perigosa”. “PSOE e BNG abandonaron por completo as estradas provinciais, o que derivou en que no que levamos de ano xa se resolveron, polo menos, 30 reclamacións ante a Deputación por danos sufridos en vehículos polas fochancas e as deficiencias da rede viaria provincial e seguramente sexan máis”, explicou.
Unha das reclamacións efectuadas ante a Deputación produciuse por mor dos danos a un vehículo na LU-P-1106, en Castro de Rei, debido a unha fochanca de grandes dimensións (110cm de longo, 60cm de ancho e 9cm de profundidade) que provocou danos nas rodas dianteira e traseira da parte esquerda do vehículo, xa que segundo o informe “a fochanca presentaba tamén aristas cortantes”.
Outra das reclamacións resoltas foi por danos nos baixos dun vehículo na estrada LU-P-4702, na Pobra do Brollón, producidos ao pasar por unha fochanca de grandes dimensións que non estaba sinalizada.
“Queda claro que non serven de nada os dous últimos plans anunciados por José Tomé xa que cómpre recordar que non se actuou na rede viaria provincial en 66 dos 67 concellos durante moitos anos e que estes anuncios só contemplan traballar no 9% dos 4.217 quilómetros das estradas da Deputación”, denunciou.