O Valadouro, 8 de maio de 2025. O alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, reiterou no pleno deste mércores o apoio do Concello a todas as asociacións do municipio.
“Xa dixemos no pleno no que se aprobaron os orzamentos para este 2025 que atenderíamos a tódalas asociacións que soliciten axuda para levar a cabo os seus proxectos. E así o mantemos”, explicou o rexedor. “É necesario presentar a solicitude no Concello acompañada dunha memoria descritiva dos traballos para os que solicitan a axuda”, puntualizou.
Lamela puxo como exemplo da colaboración cos veciños en xeral e coas asociacións en particular a cesión da escola unitaria de Vilacampa: “estamos facendo a cesión porque a asociación quere arranxar a escola para o seu uso”.
Ademais da axuda de 10.000 euros para a asociación de veciños de Vilacampa, o Concello tamén aporta outra axuda da mesma contía á asociación do Cadramón para unha ponte de madeira que xa fora solicitada ao anterior goberno. O alcalde incidiu en que “estamos atendendo esta demanda” porque “mantemos os compromisos cos veciños e os seus proxectos para mellorar o noso concello”.
Tamén indicou que “estamos aprobando as prórrogas que solicitan as asociacións para xustificar os gastos das actuación para as que lles foron concedidas as subvencións en anos anteriores para que non as perdan”.
Ante as acusacións de discriminación, Lamela dixo que “o señor Chao levaba anos no goberno e aínda non sabe nin as asociacións que hai no concello porque deixou fóra a unha, a de Penas de San Xoán de Alaxe”.
O alcalde reiterou a boa disposición do goberno local para escoitar as demandas dos veciños e colectivos do municipio.