O deputado do BNG reclama a mellora inmediata do acceso e das condicións de seguranza no apeadeiro de Folgueiro, no Vicedo
Madrid, 29 de maio de 2025. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de iniciativas na cámara baixa para exixir ao Goberno do Estado que actúe “de maneira inmediata e decidida” para mellorar o estado do apeadeiro de Folgueiro, situado no concello do Vicedo, na antiga FEVE entre Ferrol e Oviedo. Rego cualifica de “absolutamente lamentábel” o estado da infraestrutura e alerta de que a falta de mantemento e seguranza dificulta, ou directamente imposibilita, o seu uso pola veciñanza, especialmente nos meses de inverno.
Durante a visita do deputado nacionalista ao concello do Vicedo, Néstor Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG no Concello do Vicedo, Miguel Gómez, o responsábel comarcal da formación nacionalista na Mariña, Antón Veiga, e militantes e simpatizantes da organización na localidade.
“O acceso ao apeadeiro é practicamente intransitábel: un camiño de terra, estreito, sen asfaltar, cheo de lama e sen iluminación. É inxustificábel que o Goberno do Estado abandone deste xeito unha infraestrutura pública que podería ser chave para a mobilidade na comarca” denuncia o deputado nacionalista. O BNG demanda que se acometa de inmediato a pavimentación do camiño de acceso, a instalación de iluminación pública e que se garanta un tránsito seguro, tanto para vehículos como para peóns.
Ademais do acceso, Rego chama a atención sobre o perigo que representa a beiravía e a plataforma do apeadeiro. “Non hai valado de seguranza polo lado do desnivel e a única cerca de madeira está totalmente deteriorada. O firme da plataforma está cheo de fochancas e fendas, o que representa un risco para a integridade das persoas usuarias, especialmente para aquelas con mobilidade reducida” explica. Por iso, o BNG exixe que se reparen de maneira urxente tanto a beiravía como a plataforma, se repare ou substitúa a cerca actual e se instale un valado de protección axeitado.
A formación nacionalista insiste tamén na necesidade de realizar unha limpeza integral do entorno do apeadeiro, que se atopa cuberto de maleza e silvas, así como de acometer actuacións que garantan o acceso universal, permitindo o uso da infraestrutura por parte de persoas con cadeiras de rodas, carros de bebé ou da compra.
“O apeadeiro de Folgueiro, malia o seu estado de abandono, segue a ser utilizado por veciñas e veciños do Vicedo. Iso demostra que hai demanda, que hai vontade de usar o transporte ferroviario. O que falla é a vontade política do Goberno do Estado para manter e mellorar estas infraestruturas” sinala Rego.
O BNG tamén demanda un plan de mellora integral para o conxunto do servizo ferroviario na comarca da Mariña, que inclúa non só o mantemento das estacións e apeadeiros, senón tamén a renovación do material rodante, a dotación de máis persoal e o incremento de frecuencias e servizos. “Non pode promoverse o uso do tren sen garantir antes condicións mínimas de seguranza, accesibilidade e calidade” conclúe o deputado do BNG.