A alcaldesa agradece que o Servizo Provincial de Costas atendese a solicitude enviada desde o Concello para que incorporase á súa planificación este acceso desmontable e integrado na paisaxe, na zona sur do areal; que se está a executar estes días e que contribuirá á ordenación do uso público do litoral
Cervo, 30 de maio, 2025. O Concello de Cervo traballa na mellora da accesibilidade do areal do Torno, como enclave “de alto valor social, ambiental e recreativo” que é moi frecuentado por parte da poboación local e tamén dos visitantes, fundamentalmente na época estival.
Neste senso, a alcaldesa, Dolores García Caramés, remitiulle unha solicitude ao servizo provincial de Costas, que ten a competencia, para que valorase e incorporase á súa planificación a instalación dunha nova pasarela de madeira “un paso desmontable e adaptado no extremo sur da praia, que carecía desta conexión accesible”; unha actuación que se está levando a cabo xa estes días e que segundo se recollía no escrito – “resulta compatible coa normativa vixente en materia de costas e medio ambiente, xa que se está construíndo integramente en dominio público –marítimo-terrestre-, e non afecta a espazos protexidos nin incluídos na Rede Natura 2000”.
A rexedora, que supervisou a actuación en compañía da edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, quixo agradecerlle ao Servizo Provincial de Costas que atendese esta demanda municipal e comezase xa a instalar esta pasarela de madeira desmontable, de aproximadamente 60 metros de lonxitude por un ancho de 2 metros, con criterios de integración paisaxística e deseño análogo ao o acceso xa executado na zona norte da praia do Torno “cuxa instalación foi valorada moi positivamente pola cidadanía, ao igual que as actuacións de mantemento e conservación que se foron executando nos últimos tempos; como o balizado das formacións dunares no Torno e a praia de Cubelas, ou a restauración ambiental do sistema dunar entre a pasarela e o paseo marítimo, entre outras”.
A proposta do Concello tamén contempla que o espazo entre o acceso e o muro da vía superior sexa repoboada coa especies autóctonas dunares “comprometéndose á conservación e mantemento das obras executadas desde que se dean por finalizados os traballos”.