Os populares consultarán a próxima semana o libro de reclamacións ao que solicitaron acceso e tamén pedirán acceso ao propio centro de maiores
Trabada, 3 de maio de 2025. O deputado provincial e portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, subliña que “levamos moito tempo advertindo das queixas dos familiares de usuarios da residencia de Trabada” que forma parte da rede de centros de atención a maiores da Deputación de Lugo. “E agora evidénciase que tiñamos razón”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular teñen solicitado acceso ao libro de reclamacións que consultarán a próxima semana “despois de que fora posto a disposición este venres á última hora”.
Así mesmo, avanzan que “pediremos acceso á residencia para ver a realidade e falar coas traballadoras, usuarios e familiares, á vista de que a Deputación e o Concello levan meses mirando cara outro lado”.
Os populares inciden en “esixir transparencia na xestión” e “que se garanta o cumprimento do prego de condicións da licitación e do convenio colectivo das traballadoras”.
Á vista das últimas informacións públicas, “acredítase que o goberno provincial de PSOE e BNG mentiron no Pleno da Deputación. O deputado Pablo Rivera intentou tapar todo este martes ante as preguntas do PP”.
Fernández engade tamén que “dende fai moito tempo, vimos advertindo das queixas das familias dos usuarios tamén nos Plenos do Concello de Trabada; pero, lonxe de analizar a situación con detalle para estudar as melloras que foran necesarias, o alcalde acusábanos de mentir”.
O popular lembra que “os responsables da residencia son o Concello e a Deputación” e cre que “os responsables dos gobernos local e provincial, nun asunto coma este, deberían ser capaces de escoitar e atender as nosas reclamacións, que responden ás reclamacións dos usuarios e as súas familias, para mellorar a xestión do servizo por parte da empresa adxudicataria, porque é nefasta”.