O voceiro popular recorda que “non deberíamos de ter que realizar todos os anos este recordatorio” xa que “un goberno responsable tería programados e xa iniciados a limpeza periódica das vías municipais en lugar de telas abandonadas, causando molestias ao pasear e dando unha imaxe de abandono e falta de mantemento”
Barreiros, 29 de maio de 2025. Dende o Grupo Municipal do PP de Barreiros instan ao goberno local a “iniciar de inmediato” a limpeza viaria e desbroce da vexetación que invade rúas e estradas municipais, “sen ter que agardar ata mediados de xuño como o ano pasado (deron a orde o 17 de xuño de 2024)”.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que “Barreiros ten medios propios suficientes” para poder programar e iniciar estes traballos “para garantir a seguridade viaria e para non dar imaxe de abandono”.
José Manuel Gómez Puente recorda que en todo o municipio a vexetación medrou sen control nos últimos meses “sendo necesaria a súa limpeza” pero “o equipo de goberno mira cara outro lado”. “Cómpre garantir a seguridade viaria e mellorar a imaxe do municipio ás portas da temporada de verán”, afirmou.
O voceiro popular fai esta petición “porque é unha necesidade” e “porque onte mesmo na rúa Camiño Real, en San Miguel de Reinante, houbo un novo accidente de tráfico” polo que é necesario “garantir a seguridade, desbrozando a vexetación para así dar vías de escape aos condutores, sobre todo en vías estreitas”.
José Manuel Gómez Puente recorda á rexedora a necesidade de manter un plan de limpeza e desbroce durante todo o ano, xa que “non se pode deixar o municipio abandonado e tentar lavar a cara en dúas semanas como sucedeu nos últimos anos”.
O popular recorda que é necesario acometer de inmediato desbroces de vexetación, tanto nas beiras das estradas como nas zonas públicas destinadas ao paseo, véxase o estado actual do paseo de San Bartolo, xa que a imaxe que levan veciños e turistas, que están a piques de chegar, “é dun total abandono e improvisación” sendo preciso tamén a renovación de numerosas sinais de tráfico, xa que moitas están deterioradas ou rotas.
José Manuel Gómez Puente insiste en que o desbroce non so contribúe a mellorar a imaxe do municipio, senón que axuda a “mellorar a seguridade viaria” garantindo a visibilidade en numerosos cruces e curvas, así como para ver sinais de tráfico que agora están cubertas pola maleza.
Aos populares resúltalles “curioso” está demora no inicio destes traballos a pesar de que o Concello de Barreiros ten dous tractores, un deles financiado pola Deputación.
O voceiro popular recorda a sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Barreiros para a compra dun tractor, poñendo sobre a mesa que no momento da sinatura do mesmo era deputada de Medio Rural, Mónica Freire Rancaño, que asegurou que “a limpeza e o mantemento da rede viaria contribúe a mellorar a seguridade nos accesos e comunicacións entre os núcleos de poboación, unha das principais demandas das localidades da provincia. A calidade das comunicacións e dos servizos públicos que se ofrecen no rural son claves para a fixación da poboación e a dinamización económica, obxectivos prioritarios que nos marcamos desde a área de Medio Rural”.