Reclaman medidas urxentes para garantir a seguridade das nenas e nenos do municipio e lamentan a inacción do goberno local maila as advertencias da Xunta de Galicia
Cospeito, 6 de Maio de 2025. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cospeito denuncia a situación de abandono e deterioro que sofren os patios exteriores da escola infantil municipal, unha contorna fundamental para o benestar e o desenvolvemento da infancia.
Segundo explicou o voceiro socialista, Daniel Irimia, os patios presentan lousas rotas, chan de caucho cuberto de musgo e maleza e xoguetes en mal estado. As vallas están rotas ou foron substituídas por simples arames, o que supón un risco evidente para os cativos. A día de hoxe, os patios atópanse pechados e inhabilitados para o uso, despois de que a Xunta de Galicia notificase oficialmente ao Concello que non reunían as condicións mínimas de seguridade, outorgándolle un prazo de tres meses para acometer as reparacións.
“O goberno local non fixo absolutamente nada. En lugar de acometer as reparacións, ordenaron ao persoal do centro que levasen aos nenos a outros patios, solicitando ás familias autorización para facelo, pero sen informar en ningún momento da verdadeira situación”, afirma Irimia.
A agrupación socialista critica tamén a falta de transparencia por parte do Alcalde, Armando Castosa, e do concelleiro responsable, Iván Méndez. “É unha mostra de despreocupación total. Non só sabían do estado da escola, senón que nin sequera informaron ás familias do que está ocorrendo”, denuncia o voceiro.
Desde o PSdeG lembran que presentaron un escrito ao Alcalde de Cospeito solicitando visitar a escola infantil, ao que este respondeu sen concretar ningunha data e intentando tapar a situación. “O goberno local debe deixar de agocharse e actuar xa. Non é tolerable que se descoide unha infraestrutura vital para o noso concello como é a escola infantil. Se esta situación non se resolve de inmediato, pediremos a documentación oficial para evidenciar a neglixencia do señor Castosa e do señor Méndez, porque a responsabilidade é exclusivamente súa”.
Desde o PSdeG-PSOE esíxese ao Concello que actúe de maneira urxente, acometa as reparacións necesarias e explique publicamente á veciñanza o que está a ocorrer na escola infantil de Cospeito.