Ribadeo, 28 de maio de 2025. Ribadeo potenciará as compras na Praza de Abastos con Gastropraza, un programa de actividades que terán lugar do 31 de maio ao 19 de xullo.
O alcalde, Dani Vega, subliñou que “unha nova actividade chega á Praza de Abastos, Gastropraza. Esta actividade o que quere poñer en valor é o produto de proximidade, o produto de calidade. Queremos tamén converter a Praza da Abastos nun espazo para elaborar o produto, degustar o produto e tamén poñer en valor a todos os praceiros que teñen a súa forma de vida, que teñen o seu emprego na Praza de Abastos. Debemos apostar polo comercio local, pola Praza de Abastos, e poñer en valor todo un espazo arquitectónico si, pero que hai vida dentro da Praza de Abastos”.
O rexedor explicou que “as actividades empezan o 31 de maio co bonito do Cantábrico, aquí vaise falar do despezamento e da elaboración do bonito, o 14 de xuño haberá talleres de conservas, o 28 de xuño a protagonista será a cociña vegana, o 5 de xuño, como non podía ser doutra maneira, falaremos da cociña indiana e o 16 de xullo teremos obradoiros de saúde alimentaria e de nutrición con Noel Pinín”.
Vega contou que “tamén queremos dirixirnos aos máis pequerrechos, porque do 2 ao 6 de xuño haberá espazo para o alumnado do Gregorio Sanz ás 10 da mañá e ás 12 para o do Sagrado Corazón. Tamén dirixirnos ao Instituto e así facer pedagoxía e ensinar e concienciar que a Praza de Abastos é un medio para comprar produtos de calidade, tan importante comer ben, comer sa e comer produtos locais”.
O alcalde indicou: “toda unha actividade que vai ser durante uns meses, isto vai continuar durante o ano, Gastropraza ven para quedarse e ir poñendo sempre en valor a actividade, pero cun sentido e cunha dirección, que é apostar polo próximo, é dicir polo produto de calidade, o produto de proximidade e apostar por tantas persoas que traballan na Praza de Abastos e que fan un bo traballo. Temos todos unha oportunidade en Ribadeo, que xa en poucos sitios quedan prazas de abastos, en Ribadeo si, e podemos comprar produto sa e de calidade grazas a estas persoas”.
Dani Vega invita a participar na actividade de Gastropraza “e pouquiño a pouco ir facendo conciencia que a praza é cousa de todos”.
Gastropraza está organizada polo Concello de Ribadeo coa colaboración da Xunta de Galicia e da asociación provincial Cociñeiros Lugo.