O 7 e 8 de xuño, varios restaurantes da comarca ofrecerán pratos con produtos da Serra do Xistral. E o domingo, a ruta “Roteiro do Saber” porá o foco nas posibilidades do ecoturismo vencellado aos hábitats e á gandaría de montaña
A Mariña, 19 de maio, 2025. O Norte da provincia de Lugo converterase nun escenario gastronómico e de transmisión de coñecemento. Os días 7 e 8 de xuño poñerase en marcha a primeira experiencia piloto de “Saberes do Monte”, unha marca creada ao abeiro do proxecto RURALtXA!, centrada na conservación da biodiversidade a través da bioeconomía.
Gastronomía e ecoturismo
Durante a fin de semana, restaurantes de concellos de Abadín, Barreiros, O Valadouro, Foz e Mondoñedo, servirán tapas e pratos especiais elaborados con carne de tenreira, poltro e mel producidos na Serra do Xistral.
A experiencia completarase o domingo coa ruta guiada “Roteiro do Saber”, unha experiencia de ecoturismo que permitirá coñecer, de primeira man, coa colaboración de guías locais, como os produtores locais contribúen á conservación dos ecosistemas como as turbeiras e os queirogais grazas aos seus métodos tradicionais de manexo e produción.
O evento dará inicio o sábado 7 pola mañá no restaurante Asturias, en Ferreira do Valadouro, onde se presentará a marca e se levará a cabo un showcooking inspirado nos sabores do monte, a cargo do chef Juan Rubiños do Restaurante Il Farabutto (Lugo) en colaboración coa Asociación Cociñeiros de Lugo.
Toda a info en: https://ruraltxa.com/gl/fin-de-semana-gastronomico-e-roteiro-do-saber-saberes-do-monte/
Sobre RURALtXA! e Saberes do Monte
RURALtXA! é unha iniciativa promovida pola Universidades da Coruña, de Santiago de Compostela, e a fundación HAZI, co apoio de diversos actores locais e da administración, para conservar hábitats, e , entre outros obxectivos, explorar novos modelos de bioeconomía en áreas de alto valor ecolóxico, como a Serra do Xistral, Monte Maior, A Serra da Faladoira, e a Serra da Groba.
Saberes do Monte é unha marca colectiva que nace para poñer en valor os produtos procedentes de áreas de montaña galegas que axudan á conservación dos hábitats e ao desenvolvemento das comunidades rurais.
RURALTXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.