A Rede Museística Provincial de Lugo presenta un novo espazo dixital aberto ao público que convida a repensar as migracións desde unha ollada máis empática, próxima e transformadora
Lugo, 19 de xuño de 2025. A Rede Museística Provincial de Lugo puxo este xoves en liña o Museo da Migración, un proxecto virtual que está pensado como unha ferramenta educativa para transformar a mirada sobre os movementos de persoas ao redor do mundo.
Este museo sen muros serve como ferramenta educativa e de activismo polos dereitos humanos, ao servizo de todas aquelas persoas, entidades, docentes, creadoras ou profesionais interesadas en promover sociedades de acollida máis xustas.
Desde a experiencia galega da migración —de ida, volta e acollida—, o proxecto propón unha mirada que transcende fronteiras e apela a realidades universais. “É un museo virtual con raíces lucenses e vontade de diálogo global, xa que pensamos que non hai un nós e un eles. A experiencia migratoria está composta de fíos que nos permiten tecer un nós máis amplo e diverso”, explica Encarna Lago, directora da RMPL.
A deputada de Cultura Iria Castro encadrou “a posta en marcha deste espazo virtual é froito dos procesos de escoita e de contacto cos diferentes colectivos sociais e coas persoas que participan nas actividades e nas programacións dos museos provinciais” e destacou a importancia deste tipo de iniciativas “desde o ámbito da cultura para incidir na mirada sobre as migracións, que hoxe, como sucedeu ao longo da historia da humanidade, configuran as sociedades nas que vivimos”
O museo aposta tamén por outro tempo no dixital. Fronte á lóxica do consumo rápido, este espazo convida á pausa e á reflexión. A súa filosofía baséase en contidos que poidan vivirse como experiencias significativas, desde unha narrativa coidada e unha vontade clara de conexión emocional e pensamento crítico.
Un museo colectivo
O núcleo central do museo é a súa colección de voces. Unha chea de achegas sonoras que, a través de experiencias persoais, trazan unha cartografía emocional da migración. Testemuñas que falan de perdas, aprendizaxes e esperanza e que está aberta á participación de calquera persoa que desexe formar parte.
Tamén conta cunha liña de investigación, a través da que se recompila os traballos que a RMPL ven desenvolvendo ao longo do tempo neste ámbito; unha liña educativa, servindo como caixa de ferramentas a través da que atopar recursos para traballar temas como a memoria, a diversidade e o antirracismo; e unha liña de actividades que servirá para visibilizar os proxectos, procesos e accións —presenciais e dixitais— que a RMPL impulsa ou acompaña, e que contribúen a facer medrar este museo vivo. Tamén será un lugar para visibilizar artivistas, educadoras e iniciativas inspiradoras.