O delegado territorial, Javier Arias, explica que nas primeiras 24 horas desta sétima edición mobilizáronse na provincia vendas por valor de 749.000 euros
Lugo, 5 de xuño de 2025. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou hoxe o éxito da sétima edición da campaña Bono Activa Comercio, que nas primeiras 24 horas mobilizou vendas por valor de 749.000 euros na provincia de Lugo, nas que se trocaron arredor de 171.700 euros en descontos.
O número de establecementos adheridos rolda os 900, dos que 271 están na capital. Arias visitou esta mañá Confecciones García, Mr. B, Perspectiva Shop e Bico de Grao, catro dos negocios da cidade adscritos ao programa.
Lembrou que poden sumarse máis comercios ata o 15 de decembro e, como novidade, os que o fagan quedarán inscritos para todas as edicións do ano. Esta primeira convocatoria está dotada con 2,5 millóns de euros e, durante todo o exercicio, a Xunta prevé destinar 5 millóns de euros aos Bonos.
Arias destacou que a medida enmárcase dentro das políticas da Xunta para dinamizar o comercio local e atraer nova clientela aos pequenos establecementos. Remarcou que se suma ás máis de 70 actuacións a prol deste sector recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros.
Funcionamento dos Bonos
Os bonos desconto de 30 euros poden empregarse directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos ata o esgotamento do crédito da campaña. Teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra.
En canto á contía da rebaixa, será de 5 euros para as compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30; 10 euros para as adquisicións iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros; e a partir desa cifra descontarase 15 euros. Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono sen que haxa límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, aínda que non se teñan consumidos na súa totalidade.