A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Ribadeo na inauguración do curso de verán Riscos psicosociais no traballo: avances científicos e enfoques aplicados
Ribadeo, 11 de xuño de 2025. A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Ribadeo —xunto co alcalde do municipio, Daniel Vega— na inauguración do curso de verán Riscos psicosociais no traballo: avances científicos e enfoques aplicados, unha iniciativa pioneira organizada pola Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do Laboratorio de Riscos Psicosociais.
Desde hoxe ata o venres, 13 de xuño, o curso reunirá a medio centenar de persoas de diversos perfís profesionais pero co interese común na comprensión, avaliación, intervención e regulación dos factores psicosociais que afectan á saúde mental e ao benestar nas contornas laborais. Ademais do seu valor formativo, o curso será un espazo de reflexión entre os distintos integrantes do tecido laboral, subliñando a necesidade de integrar a saúde psicosocial nas políticas laborais e preventivas de forma transversal.
O curso alíñase cos obxectivos establecidos na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, así como no propio plan anual de traballo do Issga para 2025, onde a saúde mental ten un papel prioritario coa necesidade de abordar os rápidos cambios dos patróns de traballo para mellorar a seguridade e saúde da poboación traballadora.