Viveiro, 23 de xuño de 2025. A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, participou esta mañá na presentación oficial do Resurrection Fest 2025 no propio recinto do festival
A rexedora quixo destacar a gran importancia que ten o Resurrection Fest para o municipio, tanto a nivel económico e social como cultural e turístico. “O Resurrection é moito máis que un festival de música para Viveiro: é un motor económico clave, un escaparate internacional e unha plataforma cultural que queremos que se siga celebrando máis alá deste vixésimo aniversario”, sinalou.
Durante a semana do festival, Viveiro recibe a decenas de miles de visitantes, o que supón unha gran inxección económica para a vila. “A hostalería e o aloxamento están ao completo, e o comercio local, tendas, bares e restaurantes ven incrementadas notablemente as súas vendas”, indicou Gueimunde. Ademais, a celebración do Resurrection Fest xera numerosos empregos, tanto directos como indirectos.
Desde o punto de vista turístico e cultural, a alcaldesa puxo en valor a proxección internacional do festival, considerado un dos eventos máis relevantes de metal, punk e hardcore en Europa, que atrae a visitantes de múltiples países. “Aporta unha identidade cultural moderna ao municipio e incentiva a diversificación do turismo máis alá do tradicional turismo de praia”, engadiu.
Agradecemento á veciñanza
A alcaldesa quixo tamén expresar o seu máis sincero agradecemento a todos os veciños e veciñas de Viveiro pola súa comprensión, paciencia e colaboración durante os días previos e durante a celebración do Resurrection Fest. “Somos conscientes de que o montaxe, o desenvolvemento do evento e a afluencia masiva de persoas pode xerar molestias no día a día: ruídos, tráfico ou cambios nas rutinas. Por iso, pedimos desculpas por estas incomodidades e agradecemos profundamente a implicación de todo o pobo de Viveiro”, afirmou.
Desde o Goberno municipal valoran o esforzo colectivo para que o Resurrection Fest siga sendo unha referencia internacional e unha fonte de dinamismo para Viveiro e para toda a comarca.
Apoio da Xunta
A mellor música de alta voltaxe volverá resoar en Galicia coa celebración dunha cita xa mítica do calendario musical. Trátase dunha cita enmarcada nos ‘Concertos do Xacobeo’ que cumpre dúas décadas de vida cun line up de primeiro nivel e moitas outras actividades e melloras, ademais de artistas que visitan España por primeira vez, xiras internacionais únicas e directos exclusivos.
Así o puideron constatar o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita á montaxe dun festival que medra cada ano en asistentes, o que supón un importante pulo no ámbito turístico e económico do territorio.
En 20 anos de historia, o Resurrection Fest Estrella Galicia pasou de congregar a 1.500 persoas a reunir a máis de 120.000 persoas, converténdose en todo un referente mundial para os amantes do metal, o punk, o rock e o hardcore. Co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, este 2025 visitarán Viveiro grandísimos nombres como Judas Priest, Korn, Falling in Reverse ou Slipknot.
Durante o percorrido, Xosé Merelles salientou que “a misión de Turismo de Galicia é darlle cobertura a citas imprescindibles que aportan un valor de calidade musical para o noso territorio, facendo posible eventos da altísima calidade do Resurrection Fest no marco dos Concertos do Xacobeo”.
O director de Turismo de Galicia apuntou, tamén, que “o público internacional, nacional e galego que ven gozar do Resurrection, co seu innegable atractivo musical, pero tamén turístico e gastronómico, ten a oportunidade de presenciar unha proposta artística de primeiro nivel, única no seu xénero a nivel mundial, en sintonía con sons de hoxe e de sempre que teñen unha gran pegada en públicos de varias xeracións”. E rematou: “Viveiro está preparada para unha nova experiencia musical e cultural lexendaria da man dos Concertos do Xacobeo en Viveiro, cun evento único na súa especie, que cada ano congrega a máis de 120.000 seguidores de máis de 40 países e que supón un motor económico e turístico incomparable para a contorna”.
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Na provincia de Lugo, Concertos do Xacobeo suman dunha decena de eventos, entre eles, o Resurrection Fest, o Vendaval Fest ou o Caudal. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna dunha gran riqueza e que medra na súa interese como destino turístico ano tras ano, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes. Concertos do Xacobeo fomentará en Lugo a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.
“Dúas décadas en Viveiro grazas á Deputación”
A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, asistiu este luns en Viveiro á presentación e visita ao recinto do Resurrection Fest, que arrinca este mércores celebrando o seu 20º Aniversario grazas un ano máis o apoio da Deputación que achega 150.000€ para gozar dunha edición especial que agarda ser a máis multitudinaria da historia.
Carmela López destacou que a institución provincial vén colaborando nestas dúas décadas desde os inicios do festival, e subliñou que este apoio constante foi fundamental “para o crecemento e consolidación deste festival ata situarse nun referente mundial do metal e do hardcore”.
“O Resurrection Fest non só é unha cita imprescindible para os amantes da música alternativa, senón tamén un motor económico fundamental para a comarca da Mariña, cunha previsión de máis de 100.000 asistentes e un impacto significativo en sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos”, afirmou a Deputada, quen resaltou que durante estes días de festival “colgamos o cartel de completo en ocupación hostaleira na comarca mariñá”.
Segundo avanzaron na presentación, está previsto que polo recinto do Resurrection pasen máis de 100.000 persoas, o que supón un impacto positivo “indubidable, contribuíndo a diversificar a oferta turística e a posicionar a nosa provincia como un destino dinámico e conectado coas novas xeracións”.
No acto tamén participaron Iván Méndez, director do festival e membro da organización, así como representantes doutras institucións e entidades colaboradoras.
Un cartel de luxo para celebrar 20 anos de Resu
O mércores 25 de xuño arranca o Resurrection Fest cun cartel de luxo para celebrar os 20 anos de festival con grupos icónicos como Judas Priest, que lideran unha xornada na que tamén actuarán Jinjer, Novelists, Tarja, Stick To Your Guns, e moitos máis, marcando o inicio dun evento que espera reunir a miles de afeccionados. O xoves 27 de xuño será a quenda de grupos como Korn, nunha actuación exclusiva en España, xunto a Till Lindemann e outras formacións destacadas como Northlane, Municipal Waste, Death Angel, e Heredeiros da Crus, entre outros, que garantirán unha xornada intensa e variada. O venres 28 de xuño, os asistentes poderán escoitar a marcado pola presenza de Falling In Reverse, Tesseract e SOEN, ademais de bandas como Angelus Apatrida, Aphonnic e Crucified Barbara, que completan un cartel potente para os amantes do metal e hardcore. O sábado 29 pechará o festival Slipknot, que será o gran cabeza de cartel, acompañado por Skindred, Crossfaith, Zeal & Ardor, Vader e outras bandas internacionais que levarán a Viveiro a unha gran celebración musical.
Ademais dos concertos, o Resurrection Fest repetirá a iniciativa de celebrar vodas durante o evento, coa participación de 1.500 parellas inscritas este ano, unha actividade que xa se consolidou como parte da experiencia do festival.