Todas e todos os participantes na súa creación recibiron unha medalla polo seu traballo no acto de clausura, no que se anunciou que xa se está a comezar a preparar a II Semana da Infancia para 2026
Burela, 24 de xuño de 2025. O Concello de Burela estrea un novo mural na Casa da Xuventude, creado no obradoiro de pintural mural infantil celebrado no marco da Semana da Xuventude no municipio.
Adri Pardo coordinou á rapazada participante para que plasmase o deseño creado por Shiva Alinda, participante habitual nos certames convocados polo concello, e Yago Fernández Rubiños, membro do Grupo de Participación Adolescente (GPA) de Burela.
O obradoiro coincidiu coa clausura da Semana da Xuventude. Todas e todos os participantes recibiron unha medalla polo seu traballo no acto de clausura.
“Pareceunos moi boa idea premiar a participación, a creación e a iniciativa de parte da infancia e adolescencia e quixemos exemplificar así o noso agradecemento a tódalas persoas que fixeron posible esta I Semana da Infancia do Concello de Burela”, sinalou o concelleiro de Mocidade, Mario Pillado.
“Queremos darlle un agradecemento especial a Noelia Legazpi, educadora familiar, e a Jaime Méndez, técnico da Casa da Xuventude, os cales lideraron o proxecto”, indicou o edil. “Tamén ás monitoras da Aula Gaia que propuxeron a idea, ó técnico de deportes, ó persoal de obras e a case tódolos departamentos do concello que dunha ou doutra maneira contibuíron nesta semana”, enumerou.
“Finalmente, tamén ás persoas que lideraron actividades, obradoiros e conferencias pola súa dispoñibilidade”, apuntou Pillado, que avanzou tamén que dende o Concello xa comezaron a traballar na II Semana da Infancia do Concello de Burela.
Pola súa banda, a alcaldesa Carmela López afirmou que “ser Cidade Amiga da Infancia significa escoitar, coidar e traballar para que a infancia e a xuventude medren cunha boa calidade de vida e, sobre todo, que sexan felices en Burela”, en referencia ao recoñecemento outorgado ao municipio por parte de UNICEF.
“A infancia e a xuventude saben onde estamos, saben que poden contar con nós”, engadiu a rexedora. “Son quen usa os parques, os espazos públicos, quen mellor coñece o que funciona e o que se pode mellorar, e por iso queremos que formen parte activa deste proxecto”, concluíu.
A celebración da Semana da Infancia de Burela veu impulsada polo nomeamento do concello como Cidade Amiga da Infancia por parte de UNICEF no pasado 2024.