Ambas futbolistas abandonan o cadro mariñao despois de tres tempadas nas que conquistaron dúas Ligas, dúas Copas da Raíña, dúas Supercopas e dúas Copas Galicia
Burela, 18 de xuño, 2025. A porteira Caridad e a á-pívot Antía Perez non continuarán a próxima tempada no Burela FS e pechan deste xeito un ciclo de tres tempadas, logo de que ambas chegasen ao conxunto da Mariña no verán de 2022 para iniciar un proceso de renovación do plantel burelista. Conclúen a súa etapa como laranxas conquistando dúas Ligas, dúas Copas da Raíña, dúas Supercopas e dúas Copas Galicia. O club agradécelles todo o traballo, dedicación e esforzo mostrado nestes tres cursos e deséxalles sorte, tanto a nivel persoal como profesional, nos desafíos que emprendan a partir deste verán lonxe de Burela.
Caridad García Díaz (Sanlúcar de Barrameda, 1999) arribou á escuadra burelista procedente do Poio Pescamar, logo de debutar previamente na máxima categoría nas filas do Guadalcacín. A porteira andaluza demostrou en Burela as súas calidades, entre as que destacan os seus reflexos baixo paus e a súa capacidade para impoñerse nos uns contra un. Así mesmo, foi clave nalgunhas finais, como na última Copa Galicia, onde as súas paradas nos penaltis déronlle o título ao cadro laranxa, ou o ano pasado nas semifinais da Supercopa, noutra quenda diante do Futsi Atlético Navalcarnero. As boas actuacións de Caridad, que xa debutara coa selección antes de chegar á Mariña, provocaron que esta tempada volvese ser convocada pola seleccionadora española, Clàudia Pons.
Mentres, Antía Pérez García (Vigo, 2000) chegou á disciplina do Burela desde o Sala Zaragoza, logo de criarse na canteira do Ourense Envialia, con quen conquistou unha Copa da Raíña sendo moi nova, e tras pasar polo Poio Pescamar. A pesar das dúas lesións de xeonllo que frearon a súa progresión, Antía aproveitou a súa estancia na Mariña para coller velocidade de cruceiro no seu crecemento como futbolista e asentouse como unha das mellores xogadoras do panorama nacional, destacando pola súa fortaleza, empuxe, garra e o seu gran golpeo de balón, deleitándonos todos estes anos con grandes goles de volea coa súa perna dereita. Esta campaña recentemente terminada anotou 14 dianas en 31 aparicións entre liga regular e play off.
Aínda que no peche da tempada anterior á súa fichaxe polo Burela xa participara nalgunha concentración de preparación para o Europeo de xullo de 2022, foi xa vestindo a casaca laranxa onde se consolidou como internacional absoluta. Grazas ás súas boas actuacións no Burela FS recibiu a chamada de Clàudia Pons para formar parte da lista definitiva que logrou o terceiro Campionato de Europa para España en marzo do 2023 en Debrecen (Hungría). Antía Pérez pecha a súa etapa en Burela deixando a súa firma na Copa da Raíña de Cartaxena conquistada polo club, nun torneo no que foi elixida a MVP e non dubidou en botarse ao equipo ás costas a pesar de chegar minguada fisicamente por unha lesión de xeonllo.