Foz, 25 de xuño de 2025. O Concello de Foz continúa coa súa extensa programación cultural esta fin de semana, na que haberá música e teatro. Comeza este venres coa actuación do Combo de Jazz da Escola de Música Arcadio Mon, ás 19.00 horas nos xardíns do Paseo da Ribeira.
Ademais a concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “chegou o momento de que se coñezan os gañadores do IV Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo – O Poto e animamos a que o público nos acompañe tamén xa que teremos a actuación de Isabel Risco. Será o sabado 28 ás 18.30 horas na Casa da Cultura. O sábado tamén se conmemora o Día do Orgullo, polo que todos os actos estarán impregnados da mensaxe clara do Concello de Foz de sentirse orgulloso de que o amor sexa libre coma as persoas e que ninguén sexa discriminado por ser o que decida. No ano no que se celebra o vinte aniversario da Lei do Matrimonio Igualitario non debemos retroceder en dereitos. E ás 20.00 horas ao lado da Escola de Música Arcadio Mon (Paseo da Ribeira), poderá desfrutarse do concerto do Combo Mplan da escola municipal”.
E o domingo 29 ás 19.30 horas na Casa da Cultura, Lino Rico presentará o seu novo proxecto Músicas con Alma, con Marga Gutiérrez e Lolo Castro. Será un concerto de músicas de sempre: de boleros, tangos, baladas, etcétera. “Un concerto organizado polo Concello de Foz coa colaboración de Eliseo Sixto”, explica Inés López, que engade: “un proxecto ben bonito no que Lino Rico presenta en Foz un concerto con músicas lendarias de moita mensaxe e moita pegada. Aquelas cancións de sempre, difíciles de interpretar e de executar como so poden facer voces privilexiadas. Voces como as de Marga Gutiérrez e Lolo Castro simplemente acompañadas polo piano do virtuoso Lino Rico. Sen música enlatada, nin artificios, nin modernidades, nin grandes escenarios, onde os artistas, ben cerquiña do público, interactúan co mesmo, creando un silencio musical que nos transporta a esas evasións e ese estatus que a música nos esperta”.
Ademais a parroquia de Cangas celebra ás súas festas de San Pedro e do Carme. As orquestras Kubo, Miramar e Magos, así coma o dúo Venus e djs amenizarán as mesmas dende o venres 27 e ata o domingo. O venres haberá sardiñada e festa pola noite. O sábado misa e sesión vermú con festa e o domingo tamén misa e sesión vermú acompañados pola Banda de Música de Foz.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anima a achegarse a estes eventos para “desfrutar da mellor música feita por xente de aquí, do mellor teatro tratado con agarimo e das mellores festas”.