Viveiro, 30 de xuño, 2025.O BNG de Viveiro vén de rexistrar unha moción co obxectivo de garantir o acceso á vivenda habitual, apostando por unha ordenación urbanística que responda ás necesidades reais da veciñanza, cada vez con máis dificultades para atopar unha vivenda onde facer a súa vida.
Na moción, o BNG propón priorizar os alugueiros anuais, facilitando así que a xente poida vivir de maneira estable en Viveiro. Hoxe en día, atopar vivenda dispoñible para todo o ano é un reto, especialmente para a mocidade e para quen quere iniciar ou continuar un proxecto de vida no municipio. Segundo datos oficiais, Viveiro conta actualmente con 491 vivendas de uso turístico rexistradas, o que dificulta claramente o acceso a alugueiros de longa duración e provoca un incremento nos prezos.
“Queremos un Viveiro vivo e habitado. Para iso, temos que garantir que quen queira vivir aquí poida facelo, con prezos asumibles e opcións reais de alugueiro ou compra”, explicou a portavoz municipal, Míriam Bermúdez.
Entre as medidas propostas, ademais de modificar o planeamento urbanístico municipal para priorizar a vivenda habitual, inclúese a creación dunha ordenanza para preservar os baixos comerciais do núcleo urbano e garantir que manteñan o seu uso tradicional. O obxectivo é evitar a especulación nestes espazos e conservar a vida que xera o pequeno comercio.
Outro punto clave da moción é a demanda de integrar estas medidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co fin de garantir o seu cumprimento e asegurar unha ordenación urbanística pensada para o ben común.
A moción será debatida no vindeiro pleno municipal co fin de abrir un debate construtivo sobre o modelo de vila que Viveiro necesita. Para Míriam Bermúdez, a idea está clara:
“Queremos que Viveiro siga sendo un lugar no que se poida vivir, traballar e criar unha familia, sen ter que marchar por falta de vivenda.”