Os concelleiros do Grupo Municipal Popular explican que “nos atopamos con facturas con cantidades importantes de diñeiro que se poderían evitar se houbera unha boa xestión por parte do goberno socialista”
Lourenzá, 18 de xuño de 2025. O PP de Lourenzá advirte de “falta de planificación” por parte do goberno local en relación aos desbroces das marxes das estradas de titularidade municipal e das áreas recreativas.
Os populares denuncian “a xestión ineficiente” que supón a contratación de empresas externas para o desenvolvemento destes traballos “cando contamos con medios mecánicos propios e operarios municipais para realizar ese labor”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular explican que “nos atopamos con facturas con cantidades importantes de diñeiro que se poderían evitar se houbera unha boa xestión por parte do goberno socialista”.
Así, cren que “eses recursos poderían empregarse en pagar aos provedores que aínda non cobrasen, arranxar as estradas que son da súa competencia ou incluso garantir a comida anual dos nosos maiores, que este ano tiveron que quedar sen ela, alegando que non había diñeiro para esta actividade”.
“Esta situación non é nova”, segundo advirten os populares que xa teñen plantexaron esta cuestión no Pleno. “Pero as respostas que obtivemos foron que contan cun tractorista, un peón de desbroce e dous operarios do Concello que non poden estar só para os desbroces, xa que tamén teñen que cubrir eventos e festas” e que “cada goberno ten os seus proxectos e as súas formas de traballar”.
Os concelleiros do PP de Lourenzá piden ao goberno municipal que “priorice a xestión eficiente dos recursos para que o noso pobo poida avanzar e mellorar”.