Antonio Ameijide explica que nos últimos días asinaron varios decretos nos que se confirman as prórrogas para que empresas privadas sigan a xestionar os centros de atención a maiores de Trabada, A Fonsagrada, Pol e Ribadeo
Lugo, 12 de xuño de 2025. PSOE e BNG seguen a manter un modelo privatizar á fronte da rede provincial de residencias despois de asinar varias prórrogas para manter a empresas privadas xestionando varios centros de atención a maiores.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “nos últimos días vimos como asinaron varios decretos para aprobar as prórrogas que manteñen a empresas privadas á fronte da xestión de varias residencias da rede provincial”.
En concreto trátase dos centros de atención a maiores de:
Trabada, prórroga dende o 16 de agosto de 2025 ao 31 de outubro de 2025, por un importe de 144.100,76€
Ribadeo, prórroga dende o 16 de agosto de 2025 ao 31 de outubro de 2025, por un importe de 173.363,10€
A Fonsagrada, prórroga dende o 16 de agosto de 2025 ao 31 de outubro de 2025, por un importe de 135.087,81€
Pol, prórroga dende o 16 de agosto de 2025 ao 31 de outubro de 2025, por un importe de 121.344,77€
Antonio Ameijide denuncia esta situación xa que “PSOE e BNG entregan a empresas privadas infraestruturas construídas con cartos de todos os lucenses, unha liña de traballo que queren perpetuar cando se abra o centro de atención a maiores de Becerreá”.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda como “o expediente que PSOE e BNG aprobaron no mes de febreiro deste ano certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores é un modelo fracasado e privatizador”.
“PSOE e BNG quitaron a careta xa que o seu modelo é 100% privatizador. En Becerreá, ao igual que no resto de centros da rede, cando abran a residencia entregarán un edificio construído con fondos de todos os lucenses a unha empresa para que privatice 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores”, recordou.
A sinatura destas prórrogas sen incluír a apertura dos centros de día confirma “a nula intención de cumprir con este compromiso adquirido con todos os veciños da provincia, chegando ao punto de que alcaldes, como o de Fonsagrada, votan en contra de abrir estes centros, votando así en contra dos seus veciños”.