Esta iniciativa emprega técnicas pioneiras na cría do porco celta e tamén á hora de tratar os residuos, a través de procesos químicos, bacterias e tecnoloxía de primeiro nivel para xerar o mínimo impacto no entorno
Lugo, 30 de xuño de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron a explotación de porco celta de Teixeiro, en O Incio, “un dos exemplos da dinamización que está a experimentar o rural galego que “é un dos motores da economía da provincia”.
Os deputados populares Antonio Ameijide, Héctor Corujo (tamén alcalde de O Incio), Luis Fernández e Jesús Núñez, coñeceron de primeira man, xunto ao titular da explotación Carlos Teijeiro, todos os segredos dunha explotación destas características, a de maior tamaño da provincia de Lugo de todas as asociadas a Asoporcel.
Unha das características máis importantes desta explotación é que o seu titular foi capaz de unir unhas 30 parcelas de diferentes titulares (afincados ata en tres continentes diferentes) para que os exemplares de porco celta poidan medrar ao aire libre beneficiándose dos froitos do campo galego, así como empregar técnicas pioneiras na cría do porco celta no tratamento dos residuos, a través de procesos químicos, bacterias e tecnoloxía de primeiro nivel para xerar o mínimo impacto no entorno.
“Sempre é un pracer descubrir iniciativas coma esta, que permiten afincar poboación no noso rural e que apostan por dinamizar municipios eminentemente rurais nos que, como queda demostrado, tamén se poden impulsar iniciativas empresariais e económicas xeradoras de riqueza”, afirmou Ameijide.
O voceiro provincial popular tamén quixo poñer en valor o apoio do goberno da Xunta ao fomento das razas autóctonas da nosa comunidade, como pode ser o caso desta explotación.
Pola súa banda, o deputado provincial e alcalde de O Incio, Héctor Corujo, tamén agradeceu aos impulsores desta iniciativa que “apostasen por un concello como O Incio, onde queremos medrar a través do asentamento de iniciativas empresariais, o mellor camiño para poder atraer poboación, dándolles as oportunidades que buscan para que poidan iniciar un proxecto de vida”.