A praza de Conde Fontao acollerá ata o martes 19 de espectáculos, presentacións, sinaturas de libros, faladoiros e concertos, entre outras iniciativas
Foz, 16 de agosto de 2025. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Foz, a penúltima parada do circuíto impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia, e que se estenderá ata o martes 19 de agosto na praza de Conde Fontao. Alí, destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara ao impulso e dinamización da lectura para todos os públicos e idades cunha morea de actividades diversas.
O representante da Xunta de Galicia puxo en valor “estas iniciativas, que axudan ao descubrimento de novas lecturas, autores e xéneros literarios, ao tempo que enchen os concellos e as cidades de propostas culturais de diferentes tipos e para toda a sociedade”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu e destacou o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha programación ampla e variada de 8 librerías participantes e máis de 30 actividades, entre as que se inclúen as sinaturas de libros de preto de 20 autores, presentacións, espectáculos infantís, faladoiros, concertos e espectáculos para toda a familia.
Neste senso, o director Xeral de Cultura remarca esta iniciativa dentro “do compromiso do Goberno Galego por impulsar e dinamizar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa terra, así como tamén fomentar as nosas letras”, ademais de “achegar a cultura a toda a poboación galega, favorecendo a súa inclusión ao abeiro da Lei de cultura inclusiva”.
Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo da poeta Lucía Aldao, e permanecerá aberta ao público ata o martes 19 de agosto, en horario de 17,30 a 22,00 horas.
Última oportunidade para vivir a Feira do Libro
Foz é a penúltima das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña e Viveiro, a Feira do Libro chega agora á Foz ata o 19 de agosto. A Feira do Libro que queda é neste mesmo mes de agosto no municipio de Monforte de Lemos, concretamente do 20 ao 23.
As trece feiras do libro e as súas actividades, enmárcanse dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías distintas.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



