Viveiro, 16 de xullo de 2025- A deputada de Cultura Iria Castro participou esta mañá na presentación do festival de música electrónica ETHER, que se celebra este sábado en Viveiro e que conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ademais doutras colaboracións públicas e privadas.
O parque Pernas Peón de Covas será o escenario natural deste festival no que se poderán escoitar nove artistas. A organización destaca nomes como Deetron Presents Soulmate, DJ Swisherman ou Elba. A programación completarase coa participación de Luxi Villar, Pergo, Isma B, Karras Martínez, Irene Castro e Muiños, representantes da escena galega e estatal.
Iria Castro celebrou “ver concretadas a ilusión e as expectativas que nos trasladaron desde a organizacion a comezos de ano, cando nos reunimos para establecer fórmulas de colaboración. Pola nosa parte, valoramos especialmente a participación de artistas galegxs. Parécenos importante que as artistas galegas teñan plataformas de proxección nun momento de auxe da música electrónica a nivel internacional” e destacou tamen “a singularidade do festival que diversifica e amplía a axenda de música en directo na Mariña e na provincia con esta aposta na música electrónica”.
Nesa liña, desde a organización, Karras Martínez, destacou que o festival ofrece “nunha localidade de 17.000 habitantes como Viveiro un programa que podería funcionar en calquera cidade europea”.
O evento inclúe tamén unha programación gratuíta, ETHER X HAPP!, o xoves 17 e o venres 18 de xullo, con actividades musicais, culturais e de sensibilización ambiental, que reforzan a pegada do festival na axenda cultural e lúdica de Viveiro e procuran un achegamento interxeneracional á musica electrónica.
A Vicepresidencia da Deputación achega 6.000 euros á organización do festival, que apoia por segundo ano, acompañando a consolidación e o salto organizativo do evento neste tempo.