A Mariña, 29 de xullo, 2025. A Asociación A Mariña COGAMI está a mellorar a calidade de vida de 45 persoas con discapacidade e dos seus familiares mediante o Programa de Promoción da Autonomía Persoal. Esta iniciativa ten como obxectivo favorecer o benestar e a independencia das persoas participantes no seu día a día, especialmente no medio rural.
O programa enmárcase no Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), que financia a Fundación ONCE. O equipo profesional da asociación encárgase de ofrecer apoio e acompañamento integral ás persoas usuarias da Mariña lucense. Un dos métodos que utiliza é organizar sesións de fisioterapia, atención psicolóxica e terapia ocupacional, entre outras actuacións.
As actividades desenvolvidas beneficiaron a persoas dos concellos de Burela, Viveiro, Foz, Mondoñedo, O Valadouro, Trabada, O Vicedo, Barreiros, Xove e Ribadeo, concellos de ámbito de actuación da entidade. A través dunha atención especializada e próxima, o programa contribúe de forma directa á mellora da autonomía persoal e da calidade de vida das persoas participantes.
Programas coma este resultan fundamentais para garantir o acceso a servizos de apoio á discapacidade, sobre todo en contornas rurais onde as oportunidades e os recursos son máis limitados.