Os albergues xuvenís de Area e A Devesa acollen estas accións no marco da campaña ‘Modo Verán Activo’, que este ano suma case 2.500 prazas na provincia de Lugo
Lugo, 10 de xullo de 2025. A Xunta ofrece este verán doce quendas nos campamentos de Area (Viveiro) e A Devesa (Ribadeo), das que desfrutarán nenos e nenas nacidos entre os anos 2007 e 2014. As actividades náuticas e mariñas teñen protagonismo nestas experiencias, xunto con outra programación lúdica, deportiva e cultural.
O director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, visitou ambas instalacións, que hoxe despiden á primeira rolda de participantes. Tamén acudiron a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.
No caso do albergue xuvenil de Area, a oferta inclúe vela, windsurf, wakeboard, caiac, snorquel, aula de natureza mariña, olimpíadas de terra e mar, volei praia, cometas de tracción ou paddle surf, ademais de excursións.
Na Devesa sucederanse ao longo destas semanas actividades de mar, natureza e multiaventura, como surf, bodyboard, escalada en rocódromo, slackline, tiro con arco, rastrexo, técnicas de vivac, xincanas, aula mariña e de natureza, olimpíada de xogos tradicionais, concurso de talentos, deportes alternativos e un roteiro a Rinlo, entre outras.
Estas accións enmárcanse na campaña da Xunta Modo Verán Activo, que este ano suma case 2.500 prazas na provincia de Lugo distribuídas en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e outras propostas de carácter lúdico, cultural e deportivo dirixidas á mocidade.