O novo presidente releva a Bernardo Niño, que continúa como concelleiro da corporación e portavoz do Grupo do Partido Popular no Concello
A Fonsagrada, 5 de xullo de 2025. Antonio Rodil asume a presidencia da xestora do PP da Fonsagrada en relevo de Bernardo Niño, que continúa como concelleiro da corporación municipal e exercendo a portavocía do Grupo do Partido Popular no Concello. Deste xeito, “amplíase o organigrama do partido a nivel local” para “repartir responsabilidades dentro do equipo e colaborar no traballo”.
Rodil, axente de seguros e concelleiro do PP na Fonsagrada en anteriores mandatos, é “unha persoa leal e traballadora que sempre estivo co Partido”, en palabras de Bernardo Niño.
O novo presidente da xestora asegura que “tomo esta responsabilidade con ganas, con vontade de axudar, colaborar e traballar pola Fonsagrada ante a actual parálise que sofre co goberno local socialista”. E o portavoz municipal, pola súa banda, deulle a benvida “a un membro máis do equipo” e subliñou que se centrará no seu labor de portavoz “en representación do Partido Popular e, sobre todo, dos veciños e veciñas da Fonsagrada”.
A presidenta provincial, Elena Candia, que asistiu á reunión da directiva local, puxo en valor a implicación de Rodil, agradeceu “o traballo e dedicación de todos -tanto do portavoz e os concelleiros coma dos membros da xestora-” e destacou “a vontade de seguir traballando dende a unidade e a responsabilidade”.