Ribadeo, 20 de xullo, 2025. Ao longo dos días 16, 17 e 18 de xullo desenvolvéronse en Ribadeo as XXIII Xornadas de Historia Local: A muller fronte á historia. Con grande afluencia de público, cada día abordouse un aspecto específico da historia, oculta durante moito tempo, das mulleres. Aquelas que ousaran desenvolver actividades que se consideraban propias de homes, acabaron pagando caro o seu valor normalmente sendo ocultadas, cando non perseguidas e condenadas por bruxas ou declarándoas tolas.
Na primeira sesión, Mari Carmen Rodríguez Cancelo e Montserrat Iglesias, disertaron sobre o papel da muller nos eidos cultural e científico. A directora da Coral Polifónica de Ribadeo destacou o ocultado e descoñecido, pero moi real, papel da muller na música ao longo dos séculos e tamén na vida cultural ribadense; e Montserrat Iglesias centrou a súa atención na historia vivida por Manuela Barreiro Pico a comezos do século XX na súa especial loita por ser ela mesma nun mundo até o momento rexentado por homes á vella usanza.
Na segunda sesión, Chema Leal Bóveda lembrou a persecución sistemática exercida sobre as mulleres polo poder real e pola Inquisición. Aquelas que ousaban rebelarse fronte ao papel subalterno que se lles asignaba corrían o risco de seren perseguidas e axiña acusadas de bruxería ou o que for con tal de se desfacer delas. Exemplo paradigmático desta situación de opresión é o caso do antollo de Isabel I de Castela cunha escrava do conde de Ribadeo. Non parou até mercala e facerse con ela.
Xa na terceira sesión, Alba Díaz Geada expuxo o seu relatorio “A muller no agro galego: afouteza e perseveranza”. A súa intervención dividiuse en dous apartados: un breve apuntamento conceptual, e unha posterior exposición do papel desenvolvido pola muller no rural galego nos anos do franquismo e a transición. Para nós foi moi grato atopármonos coa nosa propia historia como agrupación cultural, pois o núcleo fundacional estaba estreitamente ligado ao funcionamento dun equipo humano que tiña moi boa parte do seu epicentro na actividade desenvolvida en torno á Axencia de Extensión Agraria. Atopármonos con nomes como o de Antonio Oca, Mari Carmen Carballeda, Eduardo Gutiérrez ou Ramón Muñiz, entre outros, supuxo unha grande satisfacción.
Como conclusión final, queda moito que dar a coñecer do papel que desenvolveu e segue a desenvolver a muller ao longo da historia. Prestarase atención a esta temática en novas actividades. A A. C. Francisco Lanza agradece ao público asistente o interese mostrado polas xornadas e convocálo para o ano 2026.