Ribadeo, 17 de xullo de 2025. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo colabora coa terceira edición do Vendaval Fest, que se celebra na vila os días 25 e 26 de xullo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “máis de 20 establecementos asociados a Acisa ofrecerán descontos especiais os días 25 e 26 de xullo aos asistentes á terceira edición do Vendaval fest. Esta é unha actividade da nosa asociación en colaboración cos organizadores deste festival. Participan comercios, locais de hostalaría, hoteis… con descontos que van dende o 10 ao 30% a maiores das rebaixas nos comercios participantes, 2×1, prezos especias en consumicións como cañas ou copas, descontos en comidas ou combos especiais de comida e bebida, son so algúns exemplos”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, contou que “con motivo desta nova edición do Vendaval Fest, o equipo organizador do festival propúxonos repetir esta actividade na que se implica os negocios locais e polo tanto benefícianse da esperada chegada de moitos asistentes. A proposta pareceunos interesante, xa que é unha boa forma de que o apoio que dende Acisa ofrecemos ao Vendaval Fest se vexa compensada coa posibilidade de que os asistentes ao festival realicen os seus gastos nos establecementos asociados ao noso colectivo, e tamén ampliamos moito os clientes potencias do noso comercio, achegándonos a mais xente nova e a visitantes de diferentes lugares do pais”.
Pérez Prada subliñou que “para beneficiarse destas promocións especiais estes días, solo é necesario posuír a pulseira de acceso ao festival e ensinala á hora de pagar, e así o negocio aplicará o desconto ou promoción á compra ou consumición realizadas”.
Cruzado Iglesias dixo: “queremos desexarlle a mellor das sortes o Vendaval Fest nesta terceira edición, que seguro vai ser un éxito. Dende Acisa consideramos que iniciativas así son moi importantes para o fomento da economía local”.
O xerente de Acisa declarou: “estamos seguros de que moitos veciños e veciñas animaranse na ponte festiva do 25 de xullo saír e desfrutar das compras na nosa vila e de comer ou cear fora, ou de tomar unhas cañas con amigos, e que serán moitos os visitantes que se acheguen a Ribadeo grazas á musica e á proposta do Vendaval Fest, por iso desde Acisa quixemos colaborar neste evento, tanto economicamente como con esta campaña de descontos para os seus asistentes”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradeceu aos organizadores do Vendaval Fest “que quixeran contar con nos como colaboradores un ano máis e que ademais buscasen unha forma para involucrar ao tecido empresarial co seu festival. Estas son as fórmulas e os eventos que nos gustan en Acisa e que, sempre que sexa posible, seguiremos apoiando. Para nós os importantes son os nosos asociados e asociadas, as empresas ribadenses e todas as actividades culturais, lúdicas ou deportivas que lles repercutan de xeito positivo”.