Foz, 23 de xullo de 2025. O Concello de Foz continúa coa súa axenda de actividades culturais e deportivas. “Estes días no Campo da Cabana os deslizadores acuáticos son os protagonistas, que se poden desfrutar en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 ata o vindeiro xoves”, explica o alcalde, Fran Cajoto, que tamén anuncia que “unha novidade deste verán en Foz será o seu campamento nocturno, que se levará a cabo os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto. A actividade está orientada para rapazas e rapaces entre 12 e 16 anos”.
O campamento comezará o mércores 30 de xullo ás 17.00 horas e rematará o venres 1 de agosto ás 19.00. Instalarase na Obra Pía de Fazouro, a onde deberán dirixirse os participantes o primeiro día e ser recollidos ao finalizar a actividade. Durante os días do campamento serán moitas as iniciativas que se realizarán, coma actividades deportivas, festa da escuma, contos de medo, etcétera.
O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, indica que “a maioría de actividades realizaranse no entorno da Obra Pía, unha área recreativa cerca da Ponte de Ferro, con conexión co paseo do Río Ouro e a praia da Pampillosa. Temos unhas parroquias fermosas e as actividades municipais deben realizarse aproveitando os recursos cos que conta o municipio, polo que non hai entorno mellor. A actividade é gratuíta para os participantes, financiada polo Concello de Foz e as prazas son limitadas. A inscripción pode realizarse no correo electrónico xuventude@concellodefoz.es ou fisicamente na Casa da Xuventude, na rúa Julia Minguillón, 7, ata o luns 28 ás 13.00 horas. Pódense consultar todos os datos da actividade na web do concello ou a través do teléfono 982.133.037”.
“Queremos que a actividade deportiva e o ocio para a xuventude nestes meses de verán e vacacións teñan opcións diferentes, coma este campamento nun formato diferente e con moitas actividades en plena natureza para desfrutar do mellor Foz”, finaliza o alcalde.