Os senadores por Lugo presentaron na SAT Revolta (Vilalba), unha moción que defenderán na Cámara Alta
Vilalba, 31 de xullo de 2025. Os senadores do Partido Popular de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- acompañados da presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e outros representantes da agrupación local, visitaron hoxe a SAT Revolta, na parroquia vilalbesa de Noche, que conta seis socios e cinco traballadores, para dar conta dunha ofensiva que o PP desenvolverá desde a Cámara Alta en apoio da demanda da Xunta pola que pide o traspaso a Galicia das competencias sobre os permisos de traballo de estranxeiros.
Os populares lembran que moitas explotacións do rural están necesitadas de man de obra urxente, que non se ve satisfeita coa oferta laboral dispoñible, e respecto da que existen traballadores estranxeiros interesados, pero que non poden incorporarse pola lentitude e o colapso de moitos trámites que actualmente son responsabilidade da administración estatal.
A presidenta local tamén subliñou “a importancia do sector primario no municipio e na comarca da Terra Chá” e lembrou “a necesidade de man de obra para manter a actividade nas granxas, un dos principais motores económicos e un sector fundamental para asentar poboación no rural”. Polo tanto, considera necesario “axilizar os trámites para que as persoas que chegan doutras nacionalidades e que estean interesadas en traballar nas granxa poidan obter os permisos de traballo con celeridade”.
A iniciativa dos senadores lucenses pide, máis en concreto, ao Goberno de España autorizar o traspaso efectivo a favor da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias e dos medios persoais e materiais necesarios para a tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e das autorizacións vinculadas ás estadías de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación, de persoas estranxeiras cuxa relación laboral desenvólvase en Galicia. Esta mesma demanda xa se solicitou formalmente por acordo do Goberno galego recentemente.
Desde o PP tamén lembran que non se trata dunha petición allea ao ámbito competencial autonómico. De feito, a demanda da Xunta conta co aval do Consello Consultivo de Galicia que, tras analizar as circunstancias deste requirimento, emitiu informe favorable respecto a a disposición de reclamar ao Goberno esta petición. Hai por tanto argumentos xurídicos sólidos e non fantasías de grupos separatistas, que son aos únicos que atende Sánchez, e que permitirían a Galicia avanzar no seu autogoberno, amparado no seu Estatuto de Autonomía e co respaldo do Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. “Buscamos ser útiles aos galegos, aos lucenses, e seremos máis útiles se estes permisos de traballo para estranxeiros se xestionan desde aquí”.
AO PSOE: “DIME DO QUE PRESUMES…”
Que Sánchez e o seu Goberno fagan oídos xordos ás necesidades do rural demostra con claridade o seu abandono a unha provincia como a de Lugo, onde o sector primario ten un peso especial e as súas necesidades non son atendidas desde Moncloa.
Con todo, o abandono aos lucenses demóstrase tamén noutros moitos aspectos, o que levan aos senadores populares a cuestionar a actitude triunfalista do PSOE que días atrás presumía do investimento do Goberno na provincia.
“Resumímolo moi ben tirando de refraneiro: Dime do que presumes e direiche de que careces”. Os senadores lembran que os socialistas “falan dun importante investimento en ferrocarril cando Sánchez condena a Lugo a ser a única provincia galega pola que non circularán trens AVE, AVRIL, AVLO ou deixan á capital sen conexión directa coa rede europea de mercadorías”. Tamén “presumen da nova estación intermodal, pero non explican que seguirán chegando os mesmos trens obsoletos que ata o de agora. E iso cando non recortan frecuencias ou servizos. Por non falar do desmantelamento do FEVE na Mariña, onde só hai investimento para o tramo asturiano. E os usuarios galegos e lucenses teñen que pagar por un servizo deficiente, mentres que en Asturias e Cantabria viaxan gratis”.
E se falamos doutras infraestruturas, máis do mesmo, só hai que ver a situación das autovías e das estradas de competencia estatal na provincia, para observar que “nestes sete anos non se avanzou nada, non hai ningunha nova autovía ou proxecto operativo: “Nin a Lugo-Ourense, nin a autovía da Mariña, nin a Ponferrada-Ourense e a Lugo-Santiago continúa en estar concluída”. E nas estradas nacionais “non realizan nin as obras de conservación e mantemento mínimo”.
Polo tanto, os populares consideran “incrible” que “o PSOE presuma do abandono de Sánchez a Lugo”.