Segundo indica Castiñeira, os residentes da zona “están obrigados a dar rodeos inxustificados para acceder aos seus garaxes debido a decisións unilaterais de Cajoto que alteraron o tráfico sen consensuar nin informar axeitadamente”
Foz, 31 de xullo de 2025. O Partido Popular de Foz denuncia a situación de bloqueo que sofre a obra do novo vial das Torres, que conecta a urbanización das Lagoas coa estrada que vén da zona de Llas polo cámping. A pesar de que hai unhas semanas que se asfaltou, a obra segue sen rematar e permanece pechada ao tránsito, o que está a causar importantes molestias á veciñanza.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, lembra que “xa denunciamos esta situación hai semanas, e o alcalde acusounos de oportunismo político, asegurando que en dous ou tres días estaría todo feito. Efectivamente, asfaltouse, pero aí quedou todo. A obra segue paralizada e os veciños están perdendo a paciencia”.
Segundo indica Castiñeira, os residentes da zona “están obrigados a dar rodeos inxustificados para acceder aos seus garaxes debido a decisión unilaterais de Cajoto que alteraron o tráfico sen consensuar nin informar axeitadamente”.
A obra, que conta cun orzamento de 68.000 euros, foi anunciada como unha mellora para a mobilidade da zona, pero a día de hoxe segue sen estar operativa. “Semanas despois do asfaltado, o único que se fixo foi mandar dúas persoas a colocar dúas alcantarillas, pero o vial segue pechado. O alcalde está a rirse da veciñanza”, critica o voceiro do PP.
O PP de Foz pregúntase se existe algún tipo de problema coa empresa adxudicataria ou coa xestión municipal da obra, e reclama explicacións públicas de inmediato.
“O que pedimos desde o Partido Popular é que a obra se remate dunha vez, que se entregue aos veciños e que se poida usar xa. Non pode ser que esteamos no verán, coa xente vivindo na zona, e teñan que seguir soportando este despropósito. Señor Cajoto, póñase as pilas dunha vez”, conclúe Javier Castiñeira.