Os populares tamén preguntarán na vindeira sesión plenaria sobre a distribución e o número de colectores do lixo dispoñibles no polígono industrial e se a empresa adxudicataria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria dispón de vestiarios femininos
Vilalba, 24 de xullo de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba instan ao goberno municipal bipartito de PSOE e Vilalba Aberta a “adoptar as medidas necesarias para garantir que a recollida de lixo nas parroquias do rural se leve a cabo coa frecuencia establecida no contrato vixente”.
Os populares advirten que “o actual contrato de recollida do lixo especifica que o servizo se realizará nas parroquias dúas días por semana”, pero “nos últimos meses detectáronse numerosas incidencias que poñen en dúbida o cumprimento desta frecuencia”.
Os veciños e veciñas teñen sufrido as consecuencias dos atrasos na recollida que, nalgúns casos, chegou a rexistrarse cunha frecuencia de máis dunha semana ou mesmo de dúas semanas. Así, dende o PP de Vilalba trasladan a súa preocupación ante o que consideran “non só unha mala imaxe das aldeas e unha fonda sensación de abandono institucional, senón tamén un posible problema de salubridade”.
Os populares cren que “os incumprimentos e atrasos evidencian que se require un control moito máis estrito” polo que esixen que “o responsable do contrato, unha persoa designada polo Concello, desenvolva as súas funcións e poña solución as incidencias prestando especial atención ás parroquias máis afectadas e asegurando unha resposta áxil ante calquera incidencia que se produza”.
PREGUNTAS
Os populares tamén preguntarán na vindeira sesión plenaria sobre a distribución e o número de colectores do lixo dispoñibles no polígono industrial. Dende o Partido Popular sinalan que o parque empresarial, como pulmón económico, “concentra un importante volume de actividade” e, como tal, xera un gran volume de residuos. Así, advirten que o número de colectores actual é “insuficiente” e queren saber se está previsto incrementar as unidades para mellorar a situación.
Así mesmo, interesaranse por coñecer se a empresa adxudicataria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria dispón de vestiarios femininos.