Viveiro, 5 de xullo, 2025. Rematando o ano 2024, o anterior goberno acordou con Por Viveiro a construción dun parque infantil cuberto, “actuación que consideramos moi necesaria para o noso concello e que pode ser unha alternativa importante de ocio para os mais pequenos nos días que a climatoloxía non permite o uso dos parques descubertos”.
Esta obra ía ser financiada con cargo o Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo para o ano 2025, “inexplicablemente, parece ser que que esta partida desapareceu do devandito Plan, e convértese así nun incumprimento máis do anterior goberno municipal”.
Por todo o exposto, “rogamos ao equipo de Goberno a realización das xestións necesarias diante da Deputación Provincial de Lugo para coñecer en que data e quen tomou a decisión de excluír o parque infantil cuberto do Plan Único do ano actual”.
Melloras accesibilidade beirarrúa LU-540 en Xunqueira.
Por outra banda, na intersección da estrada LU-540 coa rúa Xunqueira, beira dereita dirección Lugo, a beirarrúa ten moitos problemas de accesibilidade: espazo moi reducido, firme en mal estado, barreiras arquitectónicas, etc. Os feitos mencionados dificultan o seu uso ademais de ocasionar riscos de seguridade, principalmente para as persoas con mobilidade reducida.
Por todo o exposto, “rogamos ao equipo de Goberno a realización das xestións necesarias para a mellora da accesibilidade e para a eliminación dos riscos de seguridade na beirarrúa da LU-540 en Xunqueira”.