Ribadeo, 30 de xullo de 2025. Este sábado, 2 de agosto, terá lugar unha nova edición da Festa do Percebe de Rinlo, que contará por terceiro ano con servizo de transporte gratuíto entre Ribadeo e Rinlo e viceversa.
O alcalde, Dani Vega, contou que “chegou o percebe, chegou unha das maiores festas gastronómicas de toda Galicia que pon en valor o produto do mar, na que se pon en valor tamén unha forma de traballar, unha forma de vida e por iso recordamos a todas as percebeiras e percebeiros que defenden a forma de vida dun sector tan importante como é o sector do mar”.
O rexedor declarou: “poñer en valor tamén o produto gastronómico. Evidentemente, por todo Galicia hai festas gastronómicas que queren enxalzar o produto do mar e o percebe nace con esa vocación e sigue. A festa do percebe xa está no calendario de todos os ribadenses, tamén de todos aqueles que nos visitan, e desde logo entre todos queremos facer unha festa que acolla e na que se poña en valor un produto como é o percebe”.
Vega lembrou que “poñemos por terceiro ano consecutivo un vehículo, un medio de transporte como é o Percebús, un autobús que vai da estación de autobuses de Ribadeo, sae as 11 e chega a Rinlo continuadamente. De 11 a 15 horas de forma continua vai estar transportando persoas. E tamén desde as nove de noite, desde Rinlo a Ribadeo, ata a unha da madrugada. É un transporte que poñemos a disposición para garantir a seguridade. É bo facer eventos festivos para poñer en valor un produto, pero tamén é bo garantir a seguridade nestas celebracións. O Percebús, que naceu con esa vocación de que todos os rapaces e rapazas, e non tan rapaces, utilicen un medio seguro e, evidentemente, o Concello quere colaborar tamén deste xeito”.
O alcalde ribadense engadiu: “volve o Percebe, volve o Percebús, disfrutemos todos dunha das festas máis importantes de toda Galicia, como é o percebe para poñer en valor o produto de mar e tamén unha forma de vida”.
Dani Vega destaca e agradece todo o traballo desenvolvido polos organizadores da Festa do Percebe.