A responsable autonómica manifestou a oposición de Galicia ao recorte do 67% dos recursos destinados ás políticas pesqueiras comunitarias dos que Galicia, como principal rexión pesqueira de Europa, é unha das principais beneficiarias
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe un encontro coa comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) no marco do diálogo constante e fluído que mantén a Administración autonómica co conxunto da cadea mar-industria. Alí, a responsable autonómica resaltou o peso económico da industria pesqueira na comunidade xa que representa ao redor do 5% do PIB, unha facturación de 11.600 millóns de euros e 50.000 empregos directos.
A titular de Mar abordou cos representantes empresariais a necesidade de artellar unha resposta conxunta ante a proposta da Comisión de recortar nun 67% os actuais fondos destinados a política pesqueira de cara ao novo marco financeiro comunitario. Así, pasaríase de 6.100 millóns do período 2021-2027, do que Galicia é unha das principais beneficiarias como principal rexión pesqueira de Europa con máis de 366 millóns, a 2.000 millóns para o comprendido do 2028 ao 2034. Marta Villaverde sinalou que é o momento de explorar todas as accións técnicas como políticas para impedir que saia adiante este cambio nos vindeiros orzamentos comunitarios.
Nesta liña, instou ao Goberno central a sumarse a esta liña de traballo para evitar, tamén, que a pesca deixe de ter un fondo propio e específico dado que é unha ferramenta imprescindible para abordar os retos actuais aos que se enfronta o sector pesqueiro. A descarbonización da frota, a remuda xeracional, a promoción do consumo ou o impulso da economía azul son desafíos que requiren un reforzo destes recursos que permitan abordalos con éxito. Unhas demandas que foron trasladadas en reiteradas ocasións ao comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis. A última ocasión no marco da súa visita a Galicia celebrada a pasada semana.
Marta Villaverde recordou que, en todo caso, o novo marco financeiro debe ser aprobado no Parlamento europeo polo avogou por facer unha fronte común que permita dar un xiro ás intencións da Comisión. Nesta liña, manifestou que a complexidade do contexto xeopolítico actual non pode ser a coartada para retroceder na aposta por unha industria que ten un papel fundamental á hora de garantir a soberanía alimentaria e como provedor de alimentos de altísima calidade. Así, valorou como contraditorio que á vez que os orzamentos medran ata os 2 billóns de euros, fronte ao 1,2 billóns actuais, se propoña o recorte aos recursos en política pesqueira cando debería continuar sendo unha liña de investimento prioritaria.