Xove, 8 de agosto de 2025. Na mañá de hoxe, o BNG de Xove deu rexistro ás 631 sinaturas recollidas durante o mes de xullo para cubrir a praza da médica xubilada hai tan só uns meses. “ Queremos agradecer a cada unha das 631 persoas que se achegaron a nós e que nos escoitaron pois é un problema que nos afecta a todas as veciñas de Xove, aínda que non se pertenza á cota que está sen cubrir. Cando só hai unha médica no centro, o traballo desta vese incrementado polas posibles urxencias” afirman dende o BNG local.
A situación para a cota que está sen médica é insoportable
“Tal e como denunciábamos hai un mes cando comezamos a recollida, as veciñas e veciños que pertencen á cota afectado seguen sen poder pedir cita para consulta nin para receitas a través da app do Sergas xa que non dispoñen de ocos ou por non ter a previsión de que días da semana acudirá un médico a atendelos. Ademais, se xa a situación era precaria, neste mes só terán tres días en xornada de tarde para ser atendidos” denuncia a voceira Pilar Vázquez.
“A situación é insoportable, non é posible facer un seguimento dun paciente con todas as garantías e sobrecárgase de traballo á médica que hai no centro ou ás que envían dende o hospital. A xerencia da área sanitaria prometeu hai un mes ante os alcaldes do Partido Popular que se daría cobertura aos centros de saúde da comarca e, por moito que digan, basta con acudir ao centro de saúde de cada un para ver que só son mentiras, que te deriven a outro centro de saúde non é unha cobertura na túa localidade. A atención primaria está morrendo e aféctanos a todos”, conclúe Vázquez.