Cervo, 12 de agosto, 2025. Do 4 ao 8 de agosto desenvolveuse no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos un curso de iniciación á forxa tradicional, impartido polo artesán Telmo Cao no seu obradoiro situado na antiga nave de fundición, un edificio histórico do século XVII restaurado e cedido polo Concello de Cervo no ano 2020.
A actividade contou con 10 participantes e estivo dirixida a persoas interesadas en achegarse a este oficio tradicional mediante unha formación teórico-práctica nun espazo singular. As prazas eran limitadas e o curso estivo parcialmente subvencionado polo Concello, co obxectivo de facilitar o acceso á aprendizaxe e contribuír á preservación desta disciplina artesanal.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou ao alumnado durante o desenvolvemento do curso e puxo en valor esta iniciativa, destacando “a importancia de manter vivos os oficios tradicionais e fomentar a súa transmisión a través de accións formativas coma esta, que conectan á veciñanza co seu patrimonio material e inmaterial”.
Tamén subliñou que o apoio do Concello a este tipo de proxectos busca dar continuidade a saberes que forman parte da identidade cultural do municipio, apostando pola recuperación e dinamización do patrimonio artesanal.
Telmo Cao, recoñecido artesán da forxa artística e escultura en metal, leva anos elaborando pezas únicas no seu taller, e con este curso volveu abrir as portas do seu obradoiro para compartir os seus coñecementos e contribuír á continuidade dun oficio con fondas raíces na nosa tradición.