Ribadeo, 11 de agosto, 2025. Sobre as 6 da mañá mobilizouse ao Pesca 2 da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia para realizar unha evacuación a 75 millas de Ribadeo, en coordinación co centro de SASEMAR de Xixón.
A operación consistiu no rescate dun veleiro de bandeira francesa que se estaba afundindo con 6 persoas a bordo, 2 adultos e 4 nenos. Concretamente, os efectivos da Xunta baixaron ata a embarcación para avaliar a situación, decidindo non evacuar aos ocupantes, xa que, por motivos de seguridade, era máis arriscado isto que agardar polo pesqueiro que se atopaba máis próximo á zona.
Con todo, e ata que este chegou, o Pesca 2 sempre se mantivo ao carón do veleiro por seguridade, dándolle aos tripulantes as correspondentes indicacións para o despregamento da embarcación auxiliar neumática. O helicóptero de Gardacostas abandonou a zona unha vez que a situación estaba baixo control.