A Mariña, 1 de outubro de 2025. O Valadouro acolleu hoxe o I Foro Turismo e Sostibilidade A Mariña Lucense, un punto de encontro no que se debateu sobre o papel do turismo na sociedade actual e os desafíos que enfronta o sector para acadar un modelo sostible.
O encontro foi inaugurado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López; o director xeral da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela.
Na súa intervención a presidenta da Mancomunidade da Mariña salientou a importancia deste foro como un espazo no que traballar nas estratexias e solucións coas que “avanzar cara a ese modelo sostible ao que todos aspiramos” porque, tal como indicou “todos queremos un turismo que aporte beneficios económicos pero non a costa do benestar integral do territorio”. Neste senso lembrou que desde a Mancomunidade estase a traballar en diversos proxectos para o fomento do turismo activo, de natureza, cultural e gastronómico sempre no marco da sostibilidade. “Son iniciativas para reforzar as redes de colaboración e mellorar a calidade de servizos no territorio”, explicou Rocío López, quen indicou que son proxectos que responden a unha planificación coa que “facer da Mariña un lugar cada vez máis visible e mellor posicionado, con froitos e resultados moi interesantes, a través dos cales aspiramos a crecer como destino sostible”.
Turismo e sostibilidade
O encontro contou coa participación de expertos en turismo e sostibilidade de diferentes organizacións que compartiron as súas experiencias, analizaron as principais tendencias a nivel global e plantexaron conclusións para prácticas sostibles no territorio. Un evento que posicionou A Mariña como un lugar de reflexión e debate sobre os retos e desafíos da actividade turística.
IñakiGaztelumendi (consultor estratéxico no sector turístico e asesor da ONU Turismo) abordou na súa ponencia o reto que supón a implantación dun modelo sostible “que considere o turismo como unha actividade para atopar o equilibrio entre o benestar dos residentes e os beneficios económicos, reducindo os impactos negativos sobre a contorna e as comunidades”.
Alfonso Bertrán (arquitecto Fundación RIA) compartiu varios dos proxectos que vén realizando a Fundación RIA, centrados na mellora das poboacións locais e que se desenvolven conforme a unha profunda colaboración coas comunidades locais. Trátase de investigar nos territorios, comprender a súa evolución ao longo dos anos e integrar as necesidades e preocupacións principais en proxectos concretos.
Nere Ariztoy (consultora e formadora en turismo, marketing e comunicación) presentou o proxecto desenvolvido en Urola Kosta, unha comarca de Guipúzcoa que liderou unha iniciativa para poñer en valor o territorio e un modelo turístico sostible, respectuoso coas persoas e coa contorna. Neste senso destacou a importancia de xestionar, crear e dar vida ao territorio a través da colaboración entre todos os axentes implicados, apostando pola sostibilidade e polas persoas que habitan os espazos.
Patricia Dueñas (responsable global de Economía Circular en Iberostar Hotels & Resorts) explicou na súa intervención o proxecto de sostibilidade emprendida desde a compañía na que traballa. Convidou aos participantes a reflexionar sobre a capacidade de cada persoa para avanzar na sostibilidade dentro da súa área de influencia, un exercicio individual a prol dun cambio global. Ademais, salientou a importancia de pensar e repensar como se distribúe a riqueza que xera o turismo, xa que debemos implantar un modelo que beneficie a todos.
Mesa redonda
Os asistentes degustaron un petisco servido polo Colectivo Gastronómico da Mariña, que consistiu en diferentes pratos elaborados con produtos e receitas tradicionais da Mariña, así como un servizo de café ofrecido polo IES de Foz. O foro rematou cunha mesa redonda na que, aos ponentes, se sumaron representantes do tecido social, institucional e empresarial da Mariña, como Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense; José Manuel Villapol, representante na Mesa de calidade no SICTED; Pepe Peinó, coordinador do programa Mariña Marabillosa; e Carmen Cruzado, presidenta da Federación de Comercio A Mariña (FCAM).
A mesa redonda foi un espazo participativo no que se compartiron visións do que é un turismo sostible e como A Mariña ten a oportunidade, os recursos e a vontade para avanzar nun modelo respectuoso capaz de xerar valor e riqueza para as persoas que integran o sector e para a poboación en xeral. O crecemento do turismo nas últimas décadas converteu a este sector nunha das principais forzas mobilizadoras da economía, o que tamén ten unha serie de consecuencias a nivel social e medioambiental que os territorios deben ser capaces de abordar con perspectiva de futuro.
Este I Foro Turismo e Sostibilidade contou coa participación de máis de 70 persoas, técnicos e profesionais do sector turístico da Mariña Lucense, pero tamén cidadanía en xeral. A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade da Mariña, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e que nos últimos anos vén avanzando na execución de diferentes proxectos que teñen como obxecto favorecer o desenvolvemento dun turismo máis integrador, respectuoso e de calidade no territorio.



























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.



