“Non se está pedindo á alcaldesa que empece agora un PXOM desde cero, senón que culmine un traballo que recibiu moi avanzado do anterior goberno do PP e que leva sete anos paralizado”, sinalan
Barreiros, 4 de setembro de 2026. O Partido Popular de Barreiros manifesta a súa disposición a apoiar a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) se o goberno bipartito, sete anos despois de chegar á Alcaldía, decide finalmente culminar o documento que recibiu moi avanzado do anterior goberno do PP, e incorpora unha solución urbanística que contribúa a evitar a demolición das vivendas de Lóngara.
Os populares consideran que, ante unha situación tan grave para as familias afectadas, “o BNG non debe buscar a polarización nin alimentar unha batalla política sobre o pasado, senón ser útil, traballar a favor dos seus veciños e explorar ata a última posibilidade que permita atopar unha solución”.
“Se existe unha vía legal e urbanística que poida contribuír a evitar que estas familias perdan os seus fogares, o Concello ten a obriga de estudala. E se esa solución pasa polo PXOM, o PP está disposto a arrimar o ombreiro e facilitar a súa aprobación”, sinalan.
UN PXOM QUE O PP DEIXOU MOI AVANZADO
Os populares lembran que cando Ana Ermida accedeu á Alcaldía en 2019 non tivo que comezar de cero a elaboración dun novo planeamento municipal. Recibiu do goberno do Partido Popular un PXOM moi avanzado na súa tramitación, encamiñado para continuar cara á súa aprobación e co traballo técnico realizado durante os anos anteriores.
“O actual goberno non herdou unha folla en branco. Herdou un Plan Xeral moi avanzado no que o Concello levaba anos traballando. Sete anos despois, ese documento segue sen culminarse”, subliñan.
Os populares apuntan, ademais, que o mesmo equipo técnico redactor que traballaba daquela continúa vinculado á tramitación do planeamento e coñece perfectamente en que situación se atopaba o documento cando se produciu o cambio de goberno.
O PP lamenta que, transcorridos sete anos de goberno do BNG en Barreiros, o planeamento que deixou encamiñado o anterior executivo popular permaneza sen aprobar: “Recibiron un PXOM moi avanzado e metérono nun caixón. Agora que existe unha situación dramática para seis familias, o mínimo que se pode pedir é que o recuperen, culminen a súa tramitación, estuden todas as alternativas e contribúan á solución”.
Os populares lembran tamén as especiais dificultades nas que tivo que desenvolverse a tramitación urbanística durante os gobernos municipais do PP, despois de que o bipartito da Xunta (PSOE e BNG) interviñese o urbanismo de Barreiros e impuxese unilateralmente unha normativa provisional que estivo vixente ata 2014 e que incluso despois –“cómpre non esquecelo”- foi declarada non conforme a dereito polo Tribunal Supremo.
“Mesmo con todas esas dificultades, o goberno do PP foi capaz de deixar moi avanzado un novo Plan Xeral, practicamente con todos os informes preceptivos favorables. O que resulta difícil de explicar é que quen o recibiu nesa situación non fose capaz de culminalo en sete anos”, engaden.
“A ALCALDESA TEN QUE ESTAR Á ALTURA”
O Partido Popular considera tamén que agora “non é o momento de buscar culpables, trincheiras ou escusas”, senón de actuar con responsabilidade ante unhas familias que adquiriron e construíron as súas vivendas de boa fe e que hoxe se enfrontan á posibilidade de perder os seus fogares.
“Ana Ermida é a alcaldesa de todos os veciños de Barreiros, tamén destas familias, e ten que estar á altura dunha situación excepcionalmente difícil. Debe escoitalas, estudar todas as alternativas e utilizar todas as ferramentas legais e urbanísticas ao alcance do Concello”, sosteñen.
Por iso, o PP reitera a súa oferta: “Se o bipartito recupera e culmina o PXOM que recibiu moi avanzado do anterior goberno do PP e existe unha solución legal que poida incorporarse para contribuír a evitar os derrubos de Lóngara, atopará ao Partido Popular disposto a falar, colaborar e apoiar. Nós escollemos estar do lado das familias e das solucións”.
UN PROBLEMA QUE TEN UNHA ORIXE
Finalmente o PP insiste en que non pretende alimentar unha polémica que “non axuda ás familias nin achega solucións”, pero considera necesario lembrar que a situación actual ten a súa orixe na ofensiva contra o urbanismo de Barreiros impulsada polo BNG e posteriormente xudicializada durante o bipartito na Xunta.
“Non queremos mirar vinte anos atrás, senón atopar unha solución hoxe. Pero tampouco se pode reescribir a historia nin eludir a responsabilidade de quen, como os nacionalistas e o seu contorno, contribuíron a iniciar este proceso”, sinalan.





















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



