Afea ao PP de Rueda que pida sacrificios á maioría social angustiada pola suba de prezos e do alugueiro, mentres baixa impostos aos máis ricos
Santiago, 20 de outubro 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a un “seguimento masivo” da folga xeral do próximo 11 de novembro para reclamar “o dereito a unha vida digna en Galiza” e defender así “o dereito a unha vivenda, a ter un salario que permita chegar a fin de mes, unha pensión que permita ter unha vellez digna” e uns servizos públicos de calidade.
Pontón advertiu que o panorama social “é moi compricado” con prezos dos alugueiros disparados, miles de galegos e galegas que non poden acceder a unha vivenda nunha Galiza que ten os salarios e as pensións máis baixas que a media do Estado e que sofre un deterioro moi forte dos servizos públicos.
Así o afirmou logo da reunión que mantiveron en Santiago a Executiva do BNG e a Executiva da CIG, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, na que puxeron en común precisamente cal é a situación social no marco da convocatoria da folga xeral do 11N.
Pontón considerou que o lema escollido pola CIG, ‘Galiza en loita por unha vida digna’, non pode ser máis atinado, dado que isto é precisamente o que está en xogo, o dereito a que todas e todos os galegos teñan “unha vida digna aquí, en Galiza” remarcou.
A portavoz nacional recordou que, nestes momentos, hai milleiros de persoas no País que soportan precariedade, que teñen medo a non poder pagar o seu alugueiro ou que, directamente, non poden acceder a unha vivenda, mais tamén que sofren a suba da factura da luz e que fan números cada vez que entran no supermercado ou paran na gasolineira.
“Hoxe, no noso País, hai miles de persoas que traballan duro cada día pero ás que resulta imposible chegar a fin de mes porque os seus salarios cada vez dan para menos”, advertiu, para lembrar a continuación que a suba dos prezos en Galiza foi a máis alta do Estado no último ano, un 5%, e que os alugueiros están experimentando a maior suba da historia nestes anos do goberno do PP. “Temos os prezos disparados pero, sen embargo, salarios e pensións máis baixas”, remarcou.
E quen paga as consecuencias, afondou, “son os de sempre, a clase traballadora, a xente moza, os pensionistas; en definitiva, esa maioría social á que o Partido Popular lle pide sacrificios mentres vemos como en Galiza lle baixan impostos aos máis ricos e gobernan a favor do lobby eléctrico e mineiro”.
Neste sentido, recordou que mentres as familias sofren para pagar a factura da luz, o PP de Rueda veta a tarifa eléctrica galega e, de paso, báixalle os impostos ás multinacionais eléctricas, que xa pagan “unha miseria” por explotar o vento galego e que coas medidas incorporadas nos últimos orzamentos o que “o Partido Popular está favorecendo é que paguen menos, a pesar de que gañan máis”.
A líder nacionalista tamén afeou ao PP que baixe impostos ás construtoras despois de cargarse a política social de vivenda en Galiza, pese a que hai miles de persoas que non poden pagar o alugueiro e ás que non lles facilite nin solucións, nin unha resposta real.
Pontón reprochou a Rueda neste punto que o único que ofrece son “promesas que nunca cumpre”, tal e como exemplifica o feito de que só entregou 98 vivendas en alugueiro social das 1.800 que anunciara para 2026, a tan só dous meses de rematar o ano. “É evidente que non van cumprir a súa promesa”, remarcou.
Pese a todo, denunciou o empeño do titular do Executivo en continuar coa súa propaganda, “prometendo que van facer en dous días o que non fixeron en 17 anos”, mentres se nega a tomar medidas que si serían eficaces para axudar á xente, como ver como se conteñen os prezos do alugueiro” ou declarar zonas tensionadas, medida que segue boicoteando ao tempo que mantén no rexistro oficial da Xunta miles de vivendas turísticas ilegais.
“Do Partido Popular xa sabemos o que podemos agardar, recortes sociais e especulación coa vivenda, que é o que provocaron as súas políticas durante estes anos”, afirmou para indicar a continuación que “o autoproclamado goberno máis progresista da historia” tampouco foi quen de derrogar a reforma laboral do PP ou paralizar desafiuzamentos como o de Maricarmen, permitindo a especulación coa vivenda.
Nesta liña, advertiu que, no tempo de desconto, “non se pode solucionar o que non se fixo durante oito anos, nin tapar a un goberno que foi morno e timorato cando o que se necesitaba era decisión, valentía e medidas contundentes para defender as minorías sociais fronte aos poderosos”, reprochou ao goberno de Pedro Sánchez.
A portavoz nacional incidiu en que, neste momento, o que non vale “é a política do medio” porque desde aí non se consegue “ningún avance social nin se constrúe en positivo”, polo que apelou a construír o futuro “desde a esperanza, desde a ilusión e desde un proxecto claro a favor de Galiza e das maiorías sociais”.
Ese futuro, afondou, constrúese defendendo salarios dignos que permitan chegar a fin de mes, que a vivenda sexa un dereito real e efectivo para a maioría social e non un negocio para unha minoría, que se garante o poder adquisitivo das pensións ou unha sanidade pública forte.
“E sabemos que para conseguir todo isto, hai que defendelo nas rúas e nas urnas”, indicou para reiterar o seu chamamento á cidadanía a mobilizarse cun “seguimento masivo” da folga xeral do 11N. “Estamos ante unha folga xeral na que temos que defender ese dereito a unha vida digna que nos merecemos e é un momento para que todos os galegos e galegas poidan manifestar na rúa o seu descontento co que está pasando no País e reclamar solucións reais e efectivas tanto ao Goberno galego como ao Goberno central”, concluíu.

















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



