O portavoz provincial, Antonio Ameijide, explicou durante unha visita a Meira cos compañeiros do PP local que o goberno da Deputación sacou a finais de xullo a licitación da prestación do servizo nas nove residencias da rede, pero “non inclúen o servizo de atención diúrna”
Lugo, 5 de agosto de 2025. O Partido Popular advirte de “o goberno provincial de PSOE e BNG perden unha nova oportunidade” de poñer en marcha os centros de día nas residencias da rede provincial. De feito, “veñen de sacar a licitación a finais de xullo da prestación do servizo residencia nos nove centros, pero non inclúen o servizo diúrno que anunciaban cando se construíron os centros de atención a maiores”.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, explica durante unha visita a Meira acompañado polo portavoz, Óscar Fernández, e concelleiros e compañeiros do PP local que “coa negativa do goberno local a poñer en marcha os centros de día xa no mesmo momento da posta en servizo da residencia sen custo adicional para as arcas provinciais, négalles o servizo a 153 familias na provincia”.
No caso de Meira, o centro de atención a maiores aberto no 2021, proxectaba 20 prazas de centro de día polo que “ata 20 familias poderían dispoñer deste servizo nos últimos catro anos para contribuír a conciliar a vida laboral e familiar” que “PSOE e BNG lles están negando”.
O portavoz do PP de Meira engade que “é unha pena que non estea en servizo o centro de día” que supón ás familias interesadas “ter que levar aos seus maiores a outros lugares ou buscar outros recursos para o coidado e, sobre todo, atención especializada”. E, ante esta situación, lamenta que “o alcalde non faga nada”. É máis, “parece estar de acordo coa xestión que están a facer os seus compañeiros de partido na Deputación”.
Ameijide denuncia que “PSOE e BNG están a incumprir os seus compromisos cos veciños e veciñas da provincia” toda vez que tiñan anunciado a construción de centros de atención a maiores con servizo residencial, pero tamén diúrno. Pero “este último non o están a prestar nin o contemplan prestar na próxima anualidade á vista de que sacaron a concurso público a xestión dos nove centros da rede, pero só para o servizo de residencia”.
Así, o goberno de PSOE e BNG non ten previsto que os centros de día provinciais de Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro dispoñan de centro de día nos próximos meses -unha vez adxudicado o contrato- nin tampouco nos vindeiro anos -xa que a licitación contempla a posibilidade de dúas prórroga de un ano cada unha-.
Os populares advirten de que “non poñer en servizo os centros de día provinciais supón que esta infraestruturas, construída con recursos públicos, leven anos sen uso ou cun uso moi por debaixo do que estaba concibido; xa que unicamente están a prestar o servizo de residencia”.
De feito, sosteñen que “a posta en marcha dos centros de día provinciais non terían un custo excesivo para as arcas provinciais”; xa que moitos dos servizos serían compartidos coa residencia polo que o gasto en calefacción, luz ou funcionamento serían os mesmos. E case todo o persoal tamén sería o mesmo polo que “non se trata dun problema económico, senón dunha falta total de vontade política de PSOE e BNG”.