Os populares cren “sumamente sorprendente” que “se negaran en rotundo” cando “o ano pasado, ante a nosa solicitude, a concelleira fixera, polo menos, un esbozo, intentando dar unha explicación”
Burela, 9 de agosto de 2025. O PP de Burela pregúntase “que ten que ocultar a señora López Moreno e o seu goberno bipartito para negarse a facer públicas as contas do Concello en relación ás festas patronais deste ano” que “debería ser algo público e transparente”.
O voto en contra do goberno local á proposta do Partido Popular no último Pleno municipal evidencia, unha vez máis, “a falta de transparencia do goberno local da señora López Moreno”.
Os concelleiros do PP consideran “sumamente sorprendente” que, nesta ocasión, “se negaran en rotundo” toda vez que o ano pasado, “ante a nosa solicitude, a concelleira fixo, polo menos, un esbozo. Non cadraban os datos co que dicían que se gastara; pero, polo menos, intentou dar unha explicación”.
Os populares advirten tamén de “terribles irregularidades” no expediente das patronais: “O plan de seguridade aparece encabezado por unha asociación que non existe, que está extinta dende fai meses. E, ademais, consta que está presidida por unha persoa que nunca pertenceu a esa asociación, senón que preside outra distinta”.
O Grupo Municipal Popular considera que, “unha vez máis, o rodillo das irregularidades e a falta de transparencia esmagan as ilusións dos veciños de estar gobernados por un equipo próximo e veraz”.