Viveiro, 2 de agosto, 2025. No pleno do 2 de marzo de 2021 Por Viveiro presentou unha moción, aprobada por unanimidade, para instar o goberno do estado a activación da autovía A-74 (Autovía da Mariña, hoxe mais de catro anos despois e diante nos nulos avances no que entón demandabamos, presentamos de novo esta moción.
Xa pasaron 25 anos dende que o goberno central tomou a decisión de que o trazado da autovía A8, denominada transcantabrica, o chegar a Espiñeira (Barreiros), deixase a rasa costeira e collese dirección Vilalba, previo paso polos concellos de Lourenzá, Mondoñedo (incluíndo neste concello o paso polo alto do Fiouco) e Abadín.
Para compensar este agravio o resto de concellos da Mariña, zona Central e Occidental, o estado comprometeuse a proxectar e construír unha autovía entre Barreiros e San Cibrao, inicialmente denominábase A-82 e posteriormente e coñecida como A-74 ou autovía da Mariña. Esta autovía de unha lonxitude total de 33.6 kilómetros, divídese en tres tramos:
1. Barreiros-Foz de 11.1 kilómetros.
2. Foz-Burela de 9.2 kilómetros.
3. Burela-San Cibrao de 13.3 kilómetros.
Poderiamos pensar que 25 anos serían tempo dabondo para que a A-74 estivera rematada e que se puidera circular por todo o seu trazado, porén 25 anos despois a obra no está rematada, nin empezada, nin licitada, estando a día de hoxe o proxecto do tramo 3 pendente de licitación.
“Na campaña das eleccións xerais do ano 2023 os veciños e veciñas ven como a propaganda electoral do partido socialista anuncia importantes avances na construción da autovía A-74. Despois das eleccións, as inversións prometidas quedan esquecidas unha vez mais, ata que o 22 de xaneiro deste ano 2025 o goberno central anuncia a aprobación do subtramo de 6.3 km de lonxitude entre Barreiros e O Carmen (Foz), despois de 25 anos de atraso, despachan o asunto, anunciando un “subtramo” de 6.3 km”.
En Por Viveiro, “consideramos de vital importancia para toda a Mariña en xeral e para Viveiro en particular, a construción da autovía A-74 que, ademais de potenciar a seguridade viaria, permitirá minimizar os tempos de desprazamento, podendo converterse nun dos eixes fundamentais para o desenvolvemento economizo de toda a comarca”.
Por todo o exposto anteriormente, “o Grupo Municipal de Por Viveiro insta ao goberno central a activación da construción da autovía A-74, que debe pasar pola urxente licitación dos tres tramos nos que se divide esta estrada”, e propón asi mesmo enviar este acordo á Mancomunidade de concellos da Mariña, para que valoren solicitar ao goberno central o seu cumprimento.