A vítima tivo que ser liberada polos Bombeiros de Vilalba.
Xermade, 8 de agosto, 2025.Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as 11:00 horas de hoxe na LU-540, ao paso por Roupar, en Xermade.
Unha persoa particular utilizou o número único de emerxencias para avisar dun accidente, unha colisión entre un turismo e un camión, con posibles atrapados. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que resolveron enviar unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Sen embargo, este recurso foi anulado ao pouco tempo, porque, de forma case inmediata, confirmouse o falecemento do ocupante do turismo.
Así o corroboraron tamén os Bombeiros de Vilalba á súa chegada ao lugar do feitos. No obstante, a súa tarefa apenas comezaba, pois era necesaria a liberación da vítima, que estaba atrapada no interior do turismo. Non houbo máis persoas feridas nin afectadas neste accidente, tal e como confirmaron os equipos de emerxencias intervenientes.
Cómpre indicar que o operativo activado completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil de Xermade.